Poio marcou no 2021 o seu mínimo de gasto en luz
Por Redacción
Un ano máis, o Concello de Poio foi quen en 2021 de acadar un importante aforro no que aos custes de consumo eléctrico se refire. Tal e como se constata nun informe elaborado polo departamento de Urbanismo, a contía correspondente ao pasado exercicio quedou fixada en 450.677 euros, o que se traduce nunha redución de máis do 5% con respecto a 2020. Daquela, o gasto fora de 476.803 euros.
Tal e como explica o concelleiro responsable da área, o socialista Gregorio Agís, esta é a cifra máis baixa en practicamente unha década. De feito, os niveis afástanse de xeito considerable dos rexistros acadados, por exemplo, en 2013, cando se marcou un tope de 675.805 euros.
"Grazas ás xestións realizadas fomos quen de acadar un aforro de máis de 226.000 euros, un terzo menos do que se pagaba hai nove anos", sinala o edil do PSdeG-PSOE.
En 2021 foi a terceira ocasión na que os custes derivados do consumo eléctrico quedaron por debaixo de 500.000 euros anuais, feito que só se producira en 2016 e en 2020.
"Estamos moi satisfeitos con estes datos, máxime tendo en conta que nos últimos anos producíronse constantes subas no prezo da luz. Conseguimos consolidar esta redución ao mesmo tempo que melloramos o servizo", indica o concelleiro de Urbanismo, que lembra que ao longo de 2021 se procedeu á instalación de máis de 500 novas luminarias ‘led’ no alumeado público.
A aposta por este tipo de puntos de luz xa se deixou notar na factura do pasado exercicio. Esta prestación é a que absorbe a meirande parte do recibo (333.116 euros), pero, aínda así, experimentou unha importante baixada con respecto a 2020, cando se pagaron aproximadamente uns 11.000 euros máis.
Ademais, Agís tamén salienta as obras de mellora de eficiencia enerxética que se levaron a cabo en dependencias municipais e instalacións deportivas, como son o pavillón e o ximnasio da Seca. Neste último caso, tamén se conseguiu unha redución de custes, pasando de preto de 20.000 a algo máis de 12.000 euros.
Outra actuación que resultou decisiva á hora de poder axustar os custes foi a adxudicación do subministro eléctrico. “O feito de sacar a concurso este servizo a principios do ano pasado resultou determinante para ter un maior control sobre os gastos”, explica o concelleiro do Goberno municipal, que engade que “xa estamos a traballar no pliego do seguinte contrato, toda vez que o actual expirará en febreiro”.
Ademais, a Concellería de Urbanismo e Promoción Económica tamén impulsou un proxecto para a renovación de 2.700 luminarias a medio prazo, a través de fondos europeos obtidos grazas á xestión directa que o departamento realizou ante o IDAE.
O proxecto, cuxa redacción foi adxudicada recentemente, contempla un aforro de preto dun millón de euros a 15 anos vista.
Relacionadas:
-
'Ecoinnova Poio' preséntase como unha ferramenta para mellorar en aforro e eficiencia enerxética
Por Redacción |
-
Flinq Ingeniería redactará o proxecto para a renovación de preto de 2.700 luminarias en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Prorrogado ata xullo o contrato do subministro eléctrico do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Case trescientos novos puntos de luz LED incorpóranse ao alumeado público de Poio
Por Redacción |
-
Case 800.000 euros de fondos europeos para que Poio renove o alumeado municipal
Por Redacción |