Marín terá unha nova rúa dentro de tres meses: a Travesía República Arxentina
Por Redacción
O centro neurálxico de Marín segue cambiando. Ás humanizacións da Rúa Concepción Arenal, A Estrada, Avenida de Ourense e Paseo Alcalde Blanco, súmase agora a apertura dunha nova vía: a Travesía República Arxentina.
O espazo, que está na contorna de Inferniño, en pleno casco urbano, recibiu este venres a visita do concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, que acudiu á zona para supervisar as labores de desbroce que se iniciaron esta semana.
A intervención permitirá comunicar as rúas República Arxentina e Inferniño, que actualmente presentan dúas situacións antagónicas. O edil durante a súa visita asegurou que "conseguiremos reordenar un espazo do centro urbano que actualmente está sen aproveitar e que mellorará o aspecto e a funcionalidade da zona".
O tramo da zona ten un total de 44 metros de lonxitude. Está pavimentado e conta con beirarrúas en ambas marxes, así como con todos os servizos urbanísticos (alumeado público, rede de saneamento e pluviais, abastecemento, enerxía eléctrica ou telecomunicacións).
A rúa executada remata nun muro que a separa das fincas sen urbanizar.
Deste xeito, ademais dos labores de desbroce e acondicionamento da parcela, demolerán o muro que separa as zonas e as edificacións en ruínas. Tamén retirarán os peches metálicos da parte non urbanizada.
O Concello de Marín avanzou que a nova rúa contará cun só carril de circulación de sentido único e 4 metros de ancho, cunha banda de aparcamento en liña na marxe dereita de 2 metros de anchura e beirarrúas de entre 2,5 e 2,5 metros.
Tamén a dotarán dos servizos públicos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento, alumeado público, enerxía eléctrica, telefonía e rede de distribución de gas.
O importe total que investirán a través do Plan concellos será de 241.612,40 euros (máis IVE) e o prazo de execución será de tres meses.
Relacionadas:
-
Marín estrea unha nova rúa no centro da vila
Por Redacción |
-
Xa está aberta ao tránsito peonil e rodado a Rúa Travesía República Arxentina
Por Redacción |
-
A derriba do muro da Travesía República Arxentina despexa o trazado da nova rúa
Por Redacción |
-
As obras para a nova travesía de República Arxentina alcanzan o ecuador
Por Redacción |
-
O PSOE propón edificar o 'solar das monxas' para dinamizar o urbanismo de Marín
Por Redacción |
-
Marín estrea a renovada Rúa Estrada
Por Redacción |
-
O Concello de Marín reactiva as obras de humanización en Concepción Arenal
Por Redacción |