A actividade portuaria, comercial e o aparcadoiro de Nauta ingresaron máis de 2 millóns de euros en 2021
Por Redacción
Nauta é un importante motor económico en Sanxenxo. A actividade portuaria é a que maiores ingresos xera a esta sociedade municipal que xestiona o porto e as actividades da contorna como o alugueiro de locais de lecer ou comerciais e o aparcadoiro público, incluídos dentro do espazo concesional de Portos ao Concello de Sanxenxo.
A actividade portuaria xerada ao redor da lámina de auga supuxo o pasado ano uns ingresos de 1.365.984 euros, case o 68% do total que ascendeu a 2.023.051 euros.
Un total de 453 embarcacións con ata 19 bandeiras diferentes atracaron no porto deportivo Juan Carlos I durante 2021. A esta actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen Sanxenxo como porto base e que manteñen o seu amarre durante todo o ano.
O aparcadoiro de Nauta ingresou 417.606 euros co tráfico e o alugueiro dos estacionamentos no mesmo período. O resto proceden dos alugueiros de locais comerciais e de lecer que se atopan dentro da concesión. Ingresos que permitirán executar proxectos como o de Batea en Terra, financiados pola propia sociedade municipal, ou acometer a fase provisional de rexeneración da Carabuxeira, realizada durante o pasado ano.
A concesión portuaria e a actividade xerada en torno ao porto supón ademais preto de 140 empregos directos nas épocas de maior actividade entre mariñeiría, actividade hostaleira e comercial, servizos náuticos e aparcadoiro, unha cifra que podería superar os 600 postos se se suman os empregos indirectos.
Só a empresa municipal ten de forma habitual en persoal 17 traballadores que alcanzan os 25 os meses de verán. A estes empregos hai que sumar os patróns de barcos que operan coas embarcacións con porto basee en Sanxenxo e os traballadores das distintas empresas instaladas no porto como comercios, locais de lecer e empresas destinadas ao mantemento de embarcacións.
En canto ao tráfico de tránsito, o pasado ano caracterizouse polo alto nivel de internacionalización das embarcacións onde cabe destacar as de bandeira alemá (14), neerlandesa (32), portuguesa (21) e francesa (35).
Destacan tamén por distancia unha embarcación procedente das Seychelles e unha de Polonia que visitaron Sanxenxo o ano pasado. En canto ao tamaño, desde o departamento de Mariñeiría de Nauta subliñan o incremento de eslora nas embarcacións que buscan amarre en Sanxenxo.
Durante o 2021, 7 embarcacións tiñan máis de 18 metros de eslora; 27, ata 18; 132, ata 15 metros, 132; 177, ata 12 metros; 74, ata 10 metros e 36, ata 8 metros.
Relacionadas:
-
Nauta quere saber canto lle custará a conexión axardinada entre as prazas dos Barcos e do Mar
Por Redacción |
-
O aparcadoiro de Nauta rexistra a segunda mellor facturación de novembro desde a súa apertura
Por Redacción |
-
O aparcamento de Nauta logrou o pasado mes, a maior facturación de outubro desde a súa apertura en 2005
Por Redacción |