Galicia Emprende resolve as súas axudas, coa provincia de Pontevedra como principal beneficiaria
Por María José Pita
Co inicio do ano, o programa Galicia Emprende, impulsado polo Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), vén de resolver a súa última convocatoria de axudas, pola que resultaron beneficiados na provincia de Pontevedra un total de 26 proxectos, o que supón o 50% de toda Galicia. Para esta liña de axudas, a Xunta de Galicia prevé mobilizar 10 millóns de euros.
Este anuncio facíao o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, durante a visita que realizou acompañado polo xefe territorial de Industria da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Tomás Nogueiras, ao taller de automoción Centro Automotriz Croix, como beneficiario desta liña de axudas o pasado ano.
"Estamos vendo in situ que esta axuda lles supuxo un avance importante a efectos de adquisición de equipos clave para iniciar a súa actividade e para a modernización do seu sector", indicaba o delegado da Xunta.
Este taller especializado en electrónica do automóbil abría as súas portas hai só dous anos no número 70 da rúa Rosalía de Castro de Pontevedra, tras facer unha remodelación en profundidade do anterior taller mecánico que databa de 1960 e que permanecía pechado desde a xubilación dos seus propietarios.
Á fronte do Centro Automotriz Croix están José e Javier Boullosa, que explicaban que coa axuda da Xunta puideron mercar algúns equipos cos que completar a equipación do taller. "Elevadores, maquinaria de diagnosis, equipos de alineado... nos ayudó a una buena parte del taller, por eso estamos muy agradecidos por esta ayuda", sinala José Boullosa, ao tempo que lembra que sen este apoio da Xunta dificilmente poderían sacar o taller adiante, tras sufrir un "parón de casi 7 meses por culpa de la pandemia".
Tanto a equipación técnica como a organización e instalacións desta nova empresa permiten ter operativos 14 puntos de traballo onde atenden ás necesidades técnicas de vehículos multimarca: turismos, SUV, furgonetas e autocaravanas. Ademais, contan con tenda de recambios.