Un raposo campa ás súas anchas pola antiga Finca do Teucro, en pleno centro de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Estamos afeitos a ler historias sobre animais que, por unha ou outra razón, aparecen no centro das cidades. Desorientados, famentos ou abandonados polos seus donos, vimos como xabarís, corzos ou ata especies máis exóticas como serpes tropicais eran capturados en localidades non tan afastadas a Pontevedra. Agora a nosa cidade súmase a esa lista. Un raposo campa ás súas anchas polas inmediacións da antiga Finca do Teucro, entre a Avenida do Uruguai e Arcebispo Malvar.
Así o aseguran veciños da zona, que o viron por primeira vez o pasado 20 de outubro. A sorpresa, como é obvio foi maiúscula. Ninguén entendía como un animal desas características podía chegar ata o centro da cidade. "A primeira vez que o vin estaba cazando unha rata", explica o particular que deu a voz de alarma ás autoridades. O seu primeiro instinto foi pensar que unha leira en pleno centro da cidade "non era sitio para un raposo".
"O primeiro que se me ocorreu foi chamar á Garda Civil e que me puxesen co Seprona, pero me informaron que non se ocupan de casos así, que era competencia da Policía Local", explicou a PontevedraViva. Pero asegura que na comisaría local "pensarían que eu estaba de broma", xa que a pesar de mandarlles fotos do animal, ninguén pasou a recollelo. Desde entón o raposo deixouse ver en varias ocasións, a última delas, este mesmo domingo.
A pesar de que na leira na que se atopa, que está abandonada, chea de maleza e na que se sitúa unha casa abandonada que está tapiada, o animal tan só podería alimentarse de "gatos e ratas" que habitualmente frecuentan a zona, os veciños afirman que o raposo "parece estar ben alimentado". Esta circunstancia failles chegar a sospeitar que quizá alguén lle estea dando comida ou que se nutra dun pequeno curral con galiñas lindeira á leira.
En todo caso móstranse seguros de que o animal conta cun tobo neses terreos, xa que sería "totalmente imposible" que entrase e saíse de forma habitual.
Apenas unhas horas despois de que este particular se puxese en contacto con PontevedraViva para denunciar a aparición deste animal, o servizo de Medio Ambiente logrou comunicarse con el "a través dun amigo". Nun principio, agárdase que nas próximas horas acudan ás inmediacións cun caixón para tratar de capturar o animal e devolvelo ao monte. Aínda que antes terán que localizar ao dono da leira, xa que ao ser unha propiedade privada non poden entrar sen o seu consentimento.