O concurso de mega-adornos de Nadal en Cuntis concede os seus premios
Por Redacción
O Concello de Cuntis convocou durante as pasadas festas de Nadal un orixinal concurso de mega-adornos, para o que todas as decoracións debían ser elaboradas con materiais reciclados e a presentación final non podía medir menos de 120 centímetros de ancho ou de alto.
Os premios en categoría individual foron: o primeiro premio de 150 euros foi para María Dolores Diz Villar, por un adorno situado diante do Centro Patelas. O segundo premio dotado con 100 euros foi para Tatiana Fontenla Cortes, polo seu adorno situado na Circunvalación, á altura dos semáforos.
En categoría grupal, o primeiro premio foi para a Asociación Río Gallo cun adorno situado na praza das Árbores e 250 euros; o 2º premio foi María Espiño Albela cun adorno situado no parque da Feira e 150 euros; e o terceiro premio recaeu en María Josefa Ríos cun adorno situado na Circunvalación, na explanada do Supermercado Claudio, e 100 euros.
O xurado estivo formado por Cruz Sande Silva (decoradora de interiores e veciña de Cuntis), Concepción Velasco Aedo (decoradora de interiores e veciña de Cuntis) e María Isabel Eiras Miguéns (publicista e veciña de Cuntis).
A temática era libre e premiouse a orixinalidade, materiais, estética, a complexidade da montaxe e a iluminación así como os compoñentes, moitos deles materiais usados como botellas, latas, envases ou anacos de madeira.
Fomentar esta celebración de forma "responsable e respectuosa co medioambiente" foi o propósito que se marcou o goberno local cuntiense, para o que tratou de aproveitar este evento coa a finalidade de que a veciñanza "tomase conciencia do volume de residuos que se xera".