Condenado a ano e medio de prisión por falsificar un contrato engadindo un cero ao prezo
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu este martes mediante un acordo de conformidade un xuízo contra un home acusado dun delito de estafa en grao de tentativa en concurso cun delito de falsificación de documento mercantil.
O acusado aceptou ser condenado a un ano e medio de cárcere e ao pago dunha multa de 630 euros por falsificar un contrato de compravenda engadindo un cero ao prezo pactado.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía o 22 de xullo de 2019 un home vendeu ao acusado o vehículo, modelo IVECO- DAILI, por un importe de 200 euros, prezo que foi entregado no momento en efectivo polo acusado.
Catro meses máis tarde, en novembro, o acusado, "con ánimo de obter un beneficio ilícito", presentou unha denuncia contra o vendedor afirmando que subscribira un contrato de compravenda do vehículo por un importe de dous mil euros. No momento de realizar a transferencia do vehículo na Dirección Xeral de Tráfico comunicáronlle que sobre el pesaba un embargo, motivo polo que lle reclamou a devolución da citada cantidade, ao que o vendedor non accedeu.
Coa finalidade de lograr o seu propósito, o acusado acompañou a denuncia dunha fotocopia do citado contrato de compravenda ao que "previa, deliberada e mendazmente" engadiu un cero ao importe convido, de forma que o prezo de compravenda pasou de 200 a 2.000 euros.
A denuncia interposta deu orixe ás dilixencias previas tramitadas polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Porriño, que finalizaron nun auto no que se acordaba o sobresemento provisional das actuacións e a dedución de testemuño por se a presentación da denuncia fose constitutiva delito de estafa procesual en concurso cun delito de falsificación en documento privado.