Os puntos de test de antíxenos con autocita detectan 93 positivos nun día, o 7,7% das probas realizadas
Por Natalia Puga
Os cinco puntos para a realización de test de antíxenos gratuítos con autocita habilitados polo Sergas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectaron nunha soa xornada 93 positivos en covid-19.
A cifra, facilitada polo Sergas, refírese á xornada deste luns 10 de xaneiro e permite concluír que resultaron positivos o 7,7 por cento dos test realizados. Segundo estes datos oficiais, realizáronse 1.214, dos que 1.121 foron negativos e 93 positivos.
O balance oficial nos puntos de cribado con test de antíxenos tamén revela que o 11,7% das persoas que pediron cita para facer o test logo non se presentou. Así, das 1.356 persoas que quixeron ir, logo 142 non acudiron.
Son cribados realizados con test de antíxenos de auto toma, que tanto poden ser pola modalidade de mostra de saliva vía esputo ou mostra bucal e funcionan desde este luns na Sala Nauta de Sanxenxo, A Tafona de Caldas e o Museo Manuel Torres de Marín. Ademais, xa estaban operativos e continúan dous no recinto feiral de Pontevedra e o auditorio de Vilagarcía.
O lugar no que se detectaron máis positivos foi o recinto feiral de Pontevedra, no que se realizaron 313 probas e houbo 33 positivos. Séguelle de preto o auditorio de Vilagarcía, con 298 probas e 31 positivos.
Ademais, á Sala Nauta de Sanxenxo acudiron 223 persoas e detectáronse 6 positivos; en Marín houbo 21 positivos de 285 probas e en Caldas houbo dous positivos do total de 95 test realizados.
Os puntos de cribado están abertos de luns a domingo, en quendas de mañá e de tarde, entre as 8.30 e as 13.40 horas e entre as 15.30 e as 20:40 horas.
Relacionadas:
-
O punto de test de antíxenos trasládase ao exterior do Hospital Provincial e só abrirá martes e xoves
Por Natalia Puga |
-
Aumenta a presión nos hospitais da área sanitaria, que xa teñen 68 pacientes con covid-19
Por Natalia Puga |
-
O punto de cribado covid do Sergas en Marín situarase finalmente no Museo Manuel Torres
Por Redacción |
-
O Sergas abrirá puntos de test de antíxenos en Marín, Sanxenxo e Caldas a partir do luns
Por Natalia Puga |