Estudan denunciar pola vía penal aos autores das pintadas vandálicas na cidade por delitos contra o patrimonio
Por Alejandro Espiño
Ata seis persoas, catro homes e dúas mulleres, foron identificadas polas autoridades, tanto pola Policía Local como pola Policía Nacional, como os autores das pintadas vandálicas que se rexistraron na cidade desde o pasado mes de outubro.
Todos eles foron propostos para unha sanción administrativa que lles supoñerá entre 100 e 600 euros de multa, pero o Concello estuda a posibilidade de enfrontalos a un castigo aínda maior e denunciar os feitos pola vía penal nos xulgados.
Os casos que sexan considerados como delitos leves arriscaríanse a unha multa diaria dun a tres meses, pero nos que sexan catalogados como delitos contra o patrimonio, por actuar contra bens protexidos, esta multa podería chegar ata os dous anos.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que estas seis persoas son autoras de "agresións vandálicas" porque as pintadas que realizaron, fundamentalmente no centro histórico, "non teñen criterio estético nin artístico".
A última das investigacións para identificar os autores destas pintadas, tras as realizadas nos meses de outubro e decembro, foi o pasado 6 de xaneiro. A Policía Local sorprendeu a unha parella menor de idade na zona de Martín Códax e Domingo Fontán.
Semanas antes, xa a Policía Nacional identificara tamén ao autor das pintadas que levaban a firma de "O Neno do Demo", segundo lembrou Anabel Gulías.
A representante municipal recoñece que é "moi díficil" dar cos autores destes actos vandálicos "salvo que os pillemos coas mans na masa", pero advertiu que o Concello continuará perseguindo estes comportamentos incívicos.
Relacionadas:
-
Os vándalos atentan contra unha das esculturas da Fonte dos Nenos
Por Alejandro Espiño |
-
Localizan un 'grafiteiro' de Vigo que pintaba de madrugada en fachadas da rúa Marquesa
Por Redacción |
-
Identifican a 'O Neno do Demo', autor de numerosas pintadas por toda a cidade
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Denuncian pintadas e danos na fachada dun inmoble da Rúa das Ánimas
Por Redacción |