O alumeado público de Ponte Caldelas, en continua renovación con 50 lámpadas novas cada mes
Por Redacción
O alumeado público de Ponte Caldelas está a vivir un proceso de continua renovación por lámpadas máis luminosas, con menos consumo e menos contaminantes.
Así o deu a coñecer este domingo o Concello, que explicou que cada mes cambia unha media de 50 lámpadas de alumeado público que se funden ou chegan ó final da súa vida útil.
Trátase dunha aposta firme pola mellora e actualización do alumeado público do municipio, un servizo que o alcalde, Andrés Diaz, asegura que no ano 2015, coa súa chegada á Alcaldía, se atopaba en estado de abandono e se presentaba moi obsoleto.
Agora, o servizo é áxil e eficiente e unha vez recibidos os avisos de luces fundidas, en 24-48 horas son cambiadas. As lámpadas antigas, de vapor de sodio, pasan a ser cambiadas por luces Led.
Neste momento, máis do 30% das luminarias públicas do concello de Ponte Caldelas son xa de baixo consumo e a cifra superará o 50% cando remate este mandato.
Por outra banda, con cargo a unha subvención europea, este ano cambiaranse a led 436 luminarias e catro cadros en Caldelas, Silvoso e Vilarchán, que son os de maior consumo despois dos do casco urbán e o Polígono da Reigosa, que xa se cambiaron. O aforro con este cambio será do 79% e a intención do Concello de Ponte Caldelas é continuar estendendo o cambio a led ó resto de lugares de Ponte Caldelas.
Para actuar rápido no cambio de luminarias, o alcalde de Ponte Caldelas recomenda avisar canto antes dos puntos de luz fundidos. Pode facerse chamando ó 986750013 ext. 2 (Leticia) ou a través das redes sociais.