O orzamento municipal para 2014 superará os 65 millóns de euros, un 3,3% máis que o anterior
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal ultima a redacción do Orzamento Municipal para 2014. BNG e PSdeG-PSOE atópanse xa en plena negociación do documento. Tras operar este ano co orzamento de 2012 prorrogado, esperan poder aprobar as novas contas nas próximas semanas. Un orzamento do que transcenderon xa as súas primeiras cifras. Ascenderá a 65.185.572 euros, un 3,3% máis que hai dous anos. Ningunha concellería verá reducida a súa asignación.
As principais partidas do orzamento municipal para 2014 volven ser os gastos de persoal e os gastos correntes en bens e servizos. Para pagar aos traballadores municipais destinaranse 20.125.764,56 euros, 115.000 máis que en 2012. Isto débese, segundo o goberno local, a que aumentou a base de cotización dos traballadores do grupo A, unha subida que se compensa, en gran medida, coas xubilacións de persoal.
Pola súa banda, os gastos correntes ascenderán a 28.945.959,56 euros. Nese caso, son case 1,2 millóns de euros máis que hai dous anos. Neste sentido, a maior parte deste diñeiro destínase ao aumento que rexistran os contratos coas concesionarias dos servizos de auga, lixo e electricidade. De feito, para pagar os consumos de colexios, edificios públicos e alumado destínase preto do 5% do total do orzamento.
As contas municipais para 2014 recollen ademais un descenso na partida destinadas aos gastos financeiros que caen uns 100.000 euros e sitúanse en 701.610,96 euros. O capítulo de operacións non financeiras complétanse coas transferencias correntes, o diñeiro que Pontevedra destinará aos organismos autónomos como o Instituto Municipal de Deportes ou o Pazo da Cultura mantense apenas sen cambios e situaranse nos 4.506.606.52 euros.
CRECEN OS INVESTIMENTOS
Fronte a estas subidas nos gastos, tamén crecen os investimentos. Segundo o goberno municipal, "priorizaranse para xerar máis postos de traballo"
Fronte a estas subidas nos gastos, tamén crecen os investimentos. Segundo o goberno municipal, "priorizaranse para xerar máis postos de traballo". En concreto, subirán un 21% con respecto ao último orzamento municipal, ata alcanzar os 6.566.459,36 euros. Sumaranse aos 1.119.214 euros das transferencias de capital, o diñeiro que se destina a obras e actuacións conxuntas con outras administracións, que crecen uns 620.000 euros.
Entre os principais investimentos, 1,6 millóns de euros serán para as obras de accesibilidade no rural, 1,1 millóns na rehabilitación de rúas no centro urbano, 957.000 euros son para as obras de abastecemento de auga de Acuaes, 800.000 euros para accesibilidade urbana ou 310.000 euros para a rehabilitación da casa consistorial da Praza de España. Haberá diñeiro, entre outros, tamén para casas de cultura, alumado, rede de sumidoiros ou zonas verdes.
O resto de grandes partidas complétanse cos ingresos vía transferencias do Estado e da Xunta de Galicia que se reducirán en 2014 preto de 1,1 millóns de euros; ou cos créditos que se solicitarán, en total 2.350.000 euros, lonxe dos 3,1 millóns que obrigarían a aprobar un plan económico e financeiro. Con estes datos, a débeda municipal situarase en 19.372.000 euros, ao amortizar este ano 3,1 millóns de euros, fronte aos 3,7 millóns do orzamento anterior.
O orzamento, en todo caso, podería sufrir lixeiras variacións. Isto é debido a que este anteproxecto estaba datado o 17 de outubro, días antes da sentenza a favor de Sogama e o novo canon. O goberno asegura que o pago dos 4 millóns de euros non afectará ao orzamento, xa que esa cantidade estaba reservada en previsión dunha derrota xudicial. Pero o aumento do 33,5% do canon fará crecer, probablemente, aínda máis os gastos correntes.