A hostalería de Sanxenxo deberá cumprir a ordenanza de terrazas despois de meses parada pola pandemia
Por Redacción
A vixencia da ordenanza das terrazas de hostalería en Sanxenxo será activada ao longo deste mes de xaneiro. A normativa, que se parou pola situación sanitaria, debería estar aplicada na súa totalidade desde o pasado 30 de xuño pero será este ano cando pase a ser de obrigado cumprimento.
Será o Concello o encargado de comunicar aos hosteleros as medidas a través dun novo requirimento municipal no que se lembrará a entrada en vigor da mesma, que deberá estar a funcionar a pleno rendemento o próximo verán para favorecer a convivencia entre a actividade económica das terrazas e o uso público da vía.
Desde o goberno municipal avanzaron que un total de 82 establecementos xa iniciaron a tramitación da renovación da súa terraza dun total de 228 locais hostaleiros que existen en Sanxenxo con este tipo de espazos exteriores.
Para facer a renovación, os hostaleiros deberán achegar coa renovación da instalación un plano no que se acoute a medida concreta da estrutura, o número de cadeiras e as mesas que se prevén colocar, así como as estruturas anexas como paravientos ou toldos.
A apertura dos establecementos poderase realizar a partir das oito da mañá e o peche estará definido segundo dous períodos. Un será de novembro a maio, con peche ás dúas da madrugada, e outro de xuño a outubro, que será ata as dúas e media da madrugada.
A nova normativa delimita zonas de especial interese debido á gran afluencia como ocorre en Augusto González Besada (Sanxenxo), Aviador Piñeiro, Praza de Portugal, paseo de Silgar, rúa Méndez Núñez, Praza Rúa Méndez Núñez con Rúa Marina, e os parques da Panadeira, O Espiñeiro e San Roque. Así mesmo, recoñecen unha especial relevancia á ocupación con terrazas do Paseo dos Barcos, en Sanxenxo, e da rúa Rafael Picó, en Portonovo, que deberán presentar un proxecto conxunto de toda a rúa, previa autorización do Concello.
Tamén terán en conta a cuberta, que deberá ser de toldo ou cuberta extensible ancorada ao chan de cor branca ou branco roto. O frontal deberá ser de cristal. Se existe continuidade de terrazas cubertas, non permitirán laterais, excepto en extremos ou finais de terrazas. No caso de que sexan descontinuas, por accesos ou rúas, entón permitirán o peche lateral.
Relacionadas:
-
Restaurantes de Sanxenxo apúntanse á conciliación e adiantan a hora de peche á unha da madrugada
Por Redacción |
-
O Concello e a Xunta reparten case 2,7 millóns entre a hostalería e sectores afectados pola covid en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Os establecementos hostaleiros de Sanxenxo reciben as axudas para mellorar as terrazas
Por Redacción |