Inicio descafeinado das rebaixas, con colas tan só nalgunhas tendas e moitos cambios de Reis
Por Natalia Puga
O día tradicional de inicio das rebaixas de inverno, o primeiro día laborable despois do festivo de Reis, chegou este venres bastante descafeinado a Pontevedra. Moitos comercios xa levaban días ou semanas con descontos adiantados, de modo que tan só xeráronse colas e houbo unha elevada afluencia de compradores nalgunhas tendas.
A rúa Benito Corbal, a máis comercial da cidade, presentaba unha imaxe desigual este venres. No interior e os acceso ás tendas do grupo Inditex si se vía unha gran cantidade de persoas, desexosas de beneficiarse das rebaixas que comezaban nesta xornada, mentres que noutros establecementos, a afluencia moito menor.
Entre as persoas que acudían a uns e outros lugares, destacaba especialmente a presenza de clientes que realizaban cambios dos agasallos que deixaron os Reis Magos. "Cambiar unhas tallas, nada máis" relataba un home á beira do local de Zara. Ao seu lado, unha muller matizaba que as súas compras nesta época "dependen do ano", pero este ano "coa que está a caer, cambiar as cousas e coller as cousas xustas para ir para casa".
Esta opinión é xeneralizada entre os compradores das rebaixas pontevedresas este venres. "De momento, cambios de Reis", sinalan algúns, e hai tamén outros que engaden que "hai que aforrar un pouco, que son malos tempos", e este ano comprarán menos que o habitual.
Hai verdadeiros profesionais das rebaixas como unha moza que asegura que "adoito ir a por o máis barato, aproveitándoas, se atopo algo que está moi rebaixado" e que o habitual é que espere a que avancen os descontos nos próximos días, porque "hai menos xente".
Outra moza confesa que nos últimos días preparouse para este momento e leva xa "moito visto, no móbil, nas aplicacións das tendas..." e este venres busca compras xa meditadas.
En canto aos comerciantes, teñen confianza en que o período de rebaixas sexa mellor que o do inverno pasado, pois, tal e como indican desde a tenda Levi' s de Benito Corbal, "esperaremos que vaia mellor que o ano pasado porque cos peches perimetrais notámolo moito". Este ano o Nadal xa foi mellor e na súa tenda teñen descontos ata o 50% nos que a clientela adoita aproveitar para comprar pezas básicas como os vaqueiros.
Na zapatería Crack xa levan unha semana con rebaixas, de modo que este venres non notaron especial afluencia. En xeral, a tempada está "a tirar ben, mellor que o ano pasado".
Coincidindo co inicio do período de rebaixas, a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos (AGAXECCA) volve poñer en evidencia a "indefensión do comercio de proximidade" fronte ás campañas agresivas das grandes cadeas.
A desregulación das rebaixas, aprobada no ano 2012, permitiu establecer saldos en calquera momento do ano e para calquera produto, sen necesidade de que estivese previamente en stock. Esta decisión provocou unha loita de prezos, agravada polo auxe do comercio electrónico, que, segundo os comerciantes "tivo como principal prexudicado ao pequeno comercio local".
Ante esta situación, a asociación defende a necesidade de volver regular as rebaixas para protexer á pequena economía local e con ela, os postos de traballo de miles de persoas e a dinamización da vida social dos pobos e cidades.
Relacionadas:
-
Este mércores comeza o Plan de Tráfico de Nadal cunha recomendación: evitar a entrada á cidade por Manuel del Palacio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Comezan as rebaixas de xaneiro coa previsión de que cada pontevedrés gastará preto de 60 euros menos que en 2019
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Os pontevedreses, na busca dos mellores 'choios' co inicio das rebaixas
Por Redacción |