Costas estudará a construción dunha senda litoral polo río Verdugo en Ponte Sampaio
Por Redacción
Unha senda litoral que percorra a beira do río Verdugo desde a Illa de Medal ata o límite co termo municipal de Vilaboa. Esa foi a petición que lle fixeron á xefa do Servizo Provincial de Costas representantes veciñais de Ponte Sampaio e concelleiros do Partido Popular de Pontevedra e Vilaboa durante unha recente visita a esa área.
Alí estiveron, ademais de Cristina de Paz, xefa de Costas; Ramón Agulla, presidente da asociación Héroes de Ponte Sampaio, e outros membros da súa directiva; Andrés Cal, concelleiro do PP en Vilaboa, e Eloísa Nogueira e Jacobo Moreira, edís en Pontevedra, así como o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que quixo tamén participar no encontro.
A comitiva percorreu coa representante da administración central o espazo que pretenden que sexa acondicionado para o lecer, que pasaría por debaixo das pontes da estrada xeral e das dúas liñas de ferrocarril, a antiga e a do Eixo Atlántico de alta velocidade, bordearía as instalacións de Pontesa e seguiría ata o concello de Vilaboa, cunha lonxitude aproximada de un quilómetro.
Cristina De Paz comprometeuse a estudar a proposta e analizar as súas posibilidades de execución, que pasarían tamén pola colaboración dos propietarios das fincas que cruzaría a senda.