Adxudicada a redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil entre Bamio e Carril
Por Redacción
O proxecto para mellorar a mobilidade peonil entre Bamio e Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa, dá un paso importante despois de que a Xunta de Galicia adxudicase a redacción do proxecto ao consultor Serye Ingenieros S.L., por un importe próximo aos 17.000 euros.
A empresa conta con cinco meses de prazo para redactar o proxecto que se desenvolverá entre as estradas PO-548 e PO-192. A intención da Xunta de Galicia é conectar ese acceso co cemiterio municipal situado nas proximidades.
Actualmente, os residentes na zona están obrigados a circular pola beiravía da PO-548 e o cruzamento coa PO-192 ata chegar ás beirarrúas que se atopan nos dous extremos, nun percorrido de ao redor de 400 metros.
Neste proxecto analizarase o deseño dun itinerario alternativo que resulte máis seguro e reduza o tráfico de vehículos. A senda perfílase no dominio público das estradas e dunha pista municipal que percorre a estación de servizo, cruza cun paso inferior á V. G-4.7 e aproveita un tramo da estrada antiga ata conectar coas beirarrúas en Carril.
Dotarase á zona dun novo acceso peonil, segundo indica a Xunta, ata o cemiterio, que se atopa na marxe contraria á beirarrúa. Está previsto crear un paso de peóns con semáforo de pulsador e unha pasarela de baixada ao cemiterio desde a estrada.