2021 pecha en Sanxenxo cun padrón de récord: 17.856 habitantes, un 108% máis que hai un século
Por Redacción
Sanxenxo ten 17.856 persoas censadas no seu padrón municipal. Esta cifra, que podería sufrir algúns pequenos axustes, é a cifra de poboación máis alta da súa serie histórica poboacional.
O dato era ao 31 de decembro de 2021 e supón un crecemento no último século do 108%. En 1920 Sanxenxo contaba con 8.578 habitantes.
Segundo o balance realizado polo Concello, a tendencia de aumento de habitantes rexistrou un repunte significativo coa pandemia da covid-19 xa que foron moitas persoas que, tendo a súa segunda residencia no municipio, mudáronse e empadroáronse en Sanxenxo. Outros, simplemente, regularizaron a súa situación obrigados, nalgúns casos, polos peches perimetrais.
O obxectivo do goberno local é lograr os 20.000 habitantes para cumprir cos requisitos que permitirían obter a Sanxenxo máis fondos económicos do Estado, ao cumprir xa co número de prazas de aloxamento e de segundas residencias.
O 65% dos habitantes son oriúndos do municipio; o 19% da provincia de Pontevedra; o 4,2% nados en Galicia; o 3,8%, de distintos puntos de España, e o 8%, doutros países.
A media de idade dos habitantes de Sanxenxo é de 45,44 anos, 1,83 anos máis que fai un lustro que era de 43,61 anos. A poboación entre 18 e 65 anos en Sanxenxo supón o 62,8%.