Ofertas de emprego público no Concello de Marín
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local de Marín aprobou a oferta de emprego público do Concello, tratada previamente na Mesa de Negociación para que se valorase polos sindicatos e que finalmente foi aprobada por consenso, para sacar adiante as novas contratacións.
Convócase unha praza de Policía Local, outra de peón e unha de axudante de mantemento de deportes. As dúas primeiras a través do sistema de selección oposición por quenda libre. A terceira será por concurso oposición. No caso de promoción interna convócase unha praza de mestre electricista, con sistema de concurso oposición.
A información sobre os contratos publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e no Boletín Oficial da Provincial. A partir de agora comezará a negociación para a próxima oferta de emprego.
Tamén se aprobou, por outra banda, a adxudicación á empresa Xercode da segunda fase do proxecto de digitalizaación das súas fontes documentais para catalogar dixitalmente o seu arquivo. Quérense conservar 163.500 imaxes, comprendidas en 364 volumes, correspondentes a fontes documentais, bibliográficas e cartográficas, con interese para a investigación documental e histórica. Investiranse 90.000 euros con cargo a unha subvención da Amtega.