Contra choiva e pandemia, ilusión por ver aos Reis Magos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A pandemia e o mal tempo non acaban coa ilusión dos pontevedreses pola visita dos Reis Magos. Este mércores, a pesar da intensa choiva e das restricións derivadas da crise sanitaria da covid-19, centos de nenas e nenos, coas súas familias, fixeron cola para poder ver a Melchor, Gaspar e Baltasar no recinto feiral de Pontevedra.
As previsións de mal tempo obrigaron a cambiar a 'cabalgata estática' prevista no centro da cidade ao aire libre por un evento no recinto feiral no que os máis pequenos puideron ver igualmente as oito carrozas da comitiva real e atoparse coas súas Maxestades de Oriente. Con distancia, iso si.
Malia o tempo, houbo colas para acceder. Ás 10.30 horas deste mércores xa había xente agardando ás portas do recinto, desexosos de poder atoparse con Melchor, Gaspar e Baltasar. Finalmente, tres minutos antes das once da mañá, abriron as portas.
A imaxe repetiuse durante toda a mañá e tamén será igual pola tarde. Os máis pequenos van entrando por unha porta na que voluntariado de Protección Civil garante que se respectan as normas covid e na que hai xel hidroalcohólico a disposición de quen o desexe.
A partir de aí, chega un percorrido polo recinto feiral para ver todas as carrozas ata que, como premio final, poden atoparse cos Reis Magos. Iso si, as restricións impiden achegarse moito e unha cinta separa aos visitantes das súas Maxestades.
A pandemia impide as apertas e saúdos a Melchor, Gaspar e Baltasar, pero non outro dos elementos imprescindibles neste día, os caramelos. Os máis pequenos poden collelos despois do saúdo e entrega de cartas.
A ilusión resulta contaxiosa no recinto. O primeiro rapaz que ás 10.57 entrou pola porta trasladábaa, cun sorriso. Gústanlle os tres reis por igual e este ano pídelles ilusionado unha caravana, unha mochila de Pokemon e roupa.
A poucos metros, unha rapaza amósase ilusionada por poder entregarlle a súa carta e pedirlle "poucas" cosas, entre elas, un can de xoguete que camiña. Un xadrez ou un camión grande foron outras das peticións dos rapaces presentes pola mañá, que asumen con resignación que "como están co da covid, hai que saudalos desde lonxe". "Este ano é o que hai", lamentan.
En xeral, Baltasar recoñece en declaracións aos medios de comunicación que os máis pequenos piden cada vez máis agasallos tecnolóxicos. Coincide tamén en compartir a "pena grande" de non poder estar máis cerca e abrazar os nenos, pero, ao final "o importante é que estamos, sentímolo dentro do corazón".
Ata o recinto feiral tamén se achegou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu cos Reis e trasladoulles o seu propio desexo para este ano, a fin da pandemia e da crise sanitaria co obxectivo de "poder vivir normalmente, abrazándonos, queréndonos e traballando, sen andar pendentes desas precaucións que son obrigatorias".
Lores pide precaución a toda a poboación e anima á sociedade a vacinarse, pois a covid-19 pode ser unha doenza grave para moita xente. "Entre todos e todas lograremos que estes dous anos, 2020 e 2021, queden atrás e no 2022 acabe todo", rematou.
Relacionadas:
-
A recepción dos Reis Magos en Pontevedra trasládase ao Recinto Feiral
Por Redacción | Creada e actualizada