Rematan as obras de mellora da escola infantil de Vilaboa
Por Redacción
O inicio do ano marca o final das obras levadas a cabo na escola infantil de Vilaboa para mellorar as condicións deste centro pertencente á rede pública autonómica e que presta servizo ás familias de 35 nenas e nenos de 0 a 3 anos, con tres unidades en funcionamento.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaba este martes a escola na compaña do alcalde de Vilaboa César Poza. Rodríguez sinalou que con esta intervención "ofrecemos ao persoal, aos pequenos e as súas familias unhas instalacións máis confortables, de calidade e en bon estado de mantemento".
As obras desenvolvidas na escola infantil de Vilaboa afectaron ao interior e ao exterior do inmoble. Nas mesmas, substituíuse o valado e reformouse a porta da aula para nenos de 1-2 anos. Ademais, colocouse un novo chan de PVC flotante no parque infantil do patio interior, co fin de incrementar o illamento acústico e térmico, ademais da resistencia fronte a humidade. Tamén se instalaron elementos novos na zona de xogos exterior.
O Consorcio financiou arredor do 60% do custo da reforma, mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público. O Concello de Vilaboa asumiu o 40% restante con fondos propios e tamén se encargou da execución da intervención.
Segundo informa a Xunta, todas as melloras acometidas neste equipamento foron previamente postas en común coa comunidade educativa e contaron coa supervisión dos técnicos do ente autonómico e do Concello.