Marín replanta 7 árbores e 332 plantas na avenida de Ourense e pide colaboración veciñal para o seu mantemento
Por Redacción
O Concello de Marín protagonizou nos últimos días unha intervención na Avenida de Ourense para substituír plantas e árbores en mal estado, tras o cambio radical que supuxo a renovación da principal arteria urbana da vila.
En total no proxecto paisaxístico da Avenida de Ourense chegáronse a plantar ata 4.000 unidades de plantas, das que apenas o 3% non maduraron.
"O resto sufriron outros ataques externos, como o acceso de animais que ouriñan e cavan ou a subtracción de exemplares", explican desde o goberno local pedindo colaboración dos veciños para manter en bo estado os xardíns públicos.
De feito desde o Concello non dubidan en cualificar de "irresponsabilidade" non coidar estes espazos públicos xa que "deixar ás nosas mascotas desfacer os xardíns, ouriñar neles ou coller exemplares é unha agresión que facemos á imaxe da nosa vila e afecta despois as arcas públicas".
Nesta nova actuación replantáronse 7 das 80 árbores, así como 332 plantas.
Ademais desta tarefa, revisouse o arroio e o resto de xardíns con céspede e flores para eliminar malas herbas; saneáronse os tres oliveiras centrais e realizáronse tarefas de abono.