A sexta onda provoca unha presión "cada vez maior" en atención primaria e urxencias e dez hospitalizados máis nunha semana
Por Natalia Puga
A situación dos hospitais da área sanitaria en relación coa pandemia da covid-19 empeora día tras día e o avance dos contaxios, con 6.640 casos activos este martes, está a afectar tamén á situación do resto do sistema sanitario, cunha "presión cada vez maior, se cabe, sobre atención primaria e sobre os servizos de urxencias".
Este é o balance que realiza este martes o doutor Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que indica que este martes hai "dez pacientes máis en hospitalización convencional que hai unha semana" e dous menos en UCI.
Nos hospitais públicos son, en total, 49 pacientes, dos que nove están en UCI, 35 en hospitalización convencional entre o Hospital Montecelo e o Hospital Provincial e cinco no Hospital do Salnés. Ademais, habería que engadir 6 máis no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, cinco hai unha semana.
Máis aló das cifras en si, a situación que preocupa é que en hospitalización convencional tres de cada catro pacientes ingresados a día de hoxe ingresaron no últimos sete días e "isto é importante porque o que quere dicir é que non só tivemos un número relativamente importante de ingresos esta mesma semana senón que tamén un importante número de altas".
A parte positiva é que hai dous pacientes menos en coidados intensivos, nove fronte a once. A redución "pode parecer pequena, pero é importante" porque libera a UCI para outros pacientes e "permite que o hospital funcione con maior fluidez".
En canto ao perfil destes pacientes, a pesar de que a porcentaxe de persoas non vacinadas na área sanitaria, como en toda Galicia, é reducido, a proporción que chega aos hospitais segue sendo elevada. Así as cousas, reprodúcense as porcentaxes de ingresos nesta poboación que xa se daban a semana pasada.
Segundo Juan Turnes, aproximadamente a metade dos pacientes ingresados na UCI e un de cada tres pacientes en hospitalización convencional non recibiron a vacina.
Juan Turnes tamén avisa de que nos próximos días "todo fai pensar que vai seguir incrementándose o número de casos durante un tempo", pero aínda haberá que esperar uns días para ter unha radiografía completa de como afectou o Nadal e o novo protocolo de diagnóstico e seguimento de casos aprobado polo Ministerio de Sanidade, que entrou en vigor o 30 de decembro.
Relacionadas:
-
Médicos de urxencias alertan de saturación, con "pacientes máis complexos" e picos de 220 diarios en Montecelo
Por Natalia Puga & Diana Eiras |
-
A área sanitaria afrontará a noite de Reis cun novo récord: 7.047 casos activos
Por Redacción |
-
Falece unha muller de 87 anos ingresada no CHOP con covid-19, a morte 231 da pandemia
Por Natalia Puga |
-
A metade dos pacientes ingresados na UCI de Montecelo non quixeron vacinarse
Por Alejandro Espiño |