Emerxencias de Sanxenxo axuda os colexios a mellorar a seguridade
Por Redacción
O Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo desenvolverá este curso un programa de axuda aos centros escolares co obxectivo de preparar á comunidade educativa para que poida responder e intervir adecuadamente ante unha situación de urxencia, así como detectar as posibles deficiencias tanto nos plans elaborados como nas instalacións dos colexios.
"Colaboramos cos centros educativos á hora de por en marcha plans de autoprotección cos que buscamos aumentar as condicións de seguridade nestes equipamentos a través do asesoramento e dA realización de distintas actividades", explicou o concelleiro delegado de Seguridade Cidadá, Salvador Durán.
O Servizo Local de Emerxencias presta asistencia aos colexios e institutos en cuestións como o apoio na elaboración e nas posibles modificacións dos plans de autoprotección de cada centro adaptándoos á nova normativa, o desenvolvemento de simulacros de evacuación e a realización de accións destinadas a dotar ao alumnado e ao persoal docente de coñecementos básicos sobre autoprotección e primeiros auxilios.
Estas actuacións, incluídas no Programa Educativo do Concello de Sanxenxo, están complementadas polas xornadas de portas abertas do parque municipal de urxencias nas que os escolares teñen a oportunidade de coñecer en primeira persoa o funcionamento deste servizo e das súas dotacións. Tamén existe a posibilidade de que este departamento local desprace ocasionalmente os medios dos que dispón ás instalacións educativas.
"Os colexios e institutos interesados neste plan presentan unha solicitude por escrito especificando a acción que desexan protagonizar e unha proposta de data e hora de realización", comentou Salvador Durán, quen recordou a importancia de preservar a seguridade dos escolares.