Unha muller ingresada no Hospital do Salnés, primeira falecida con covid-19 do ano na área sanitaria
Por Natalia Puga
Unha muller de 84 anos converteuse este luns 3 de xaneiro na primeira persoa con covid-19 falecida neste ano 2022 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A muller estaba ingresada no Hospital do Salnés e, segundo confirmaron fontes oficiais do Sergas, presentaba patoloxías previas á covid-19.
Coa morte desta muller o número de falecidos con covid-19 na área sanitaria elévase a 230 pacientes desde o inicio da pandemia.
Este luns o Sergas confirmou en Galicia a morte de 12 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus, aínda que tan só dúas delas se produciran este mesmo luns. O resto foron de días pasados e todas agás unha tiña patoloxías previas
En concreto, este luns tamén faleceu unha muller de 94 anos ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira da Coruña.
Ademais, o 22 de decembro faleceu un home de 86 anos no CHUAC da Coruña; o 30 de decembro, unha muller de 91 anos no HULA de Lugo; o 31 de decembro, unha muller de 93 anos no CHUO de Ourense (procedente da Residencia A Carballa de Coles) e un home de 50 anos no CHUVI. Este falecido de Vigo é o único sen patoloxías previas.
No que vai de ano, van oito falecidos en Galicia. Ás dúas mulleres falecidas este luns hai que sumar o 1 de xaneiro tres mortes, unha muller de 79 anos no CHUS de Santiago (procedente da Residencia Servisenior de Brión; un home de 89 anos no HULA e un home de 94 anos, no Hospital de Burela. O domingo dous tamén houbo tres mortes, unha muller de 95 anos, no CHUF de Ferrol, un home de 88 anos no CHUAC e outro home de 88 anos no CHUVI.
Relacionadas:
-
Falece unha muller de 87 anos ingresada no CHOP con covid-19, a morte 231 da pandemia
Por Natalia Puga |
-
Ascende o número de persoas hospitalizadas por covid-19 despois das principais festas de Nadal
Por Redacción |
-
Aumenta a presión hospitalaria polos casos covid: 41 hospitalizados e 10 pacientes na UCI
Por Redacción |