O PP debulla a súa emenda á totalidade aos Orzamentos 2022 mentres o Goberno local critica a súa "incapacidade"
Por Natalia Puga
O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu este luns para debullar as principais liñas que conforman a emenda á totalidade que o seu grupo presentou ao proxecto de Orzamento Municipal para 2022, que ve "afastado da realidade", pero desde o outro lado, o Goberno municipal non quixo quedar calado e o seu portavoz, Anabel Gulías, asegurou que o principal partido da oposición demostra coa súa actitude a súa "incapacidad"
O líder do PP critica, por exemplo, que o proxecto de orzamentos "non achega ningunha liña de traballo" para abordar a situación do emprego en Pontevedra, que lembra que é a cidade coa taxa de paro máis elevada das sete cidades galegas e ten un "enorme número de baixos baleiros" mesmo nas rúas máis comerciais.
Tamén cuestiona o dato "sanguento" de que na Memoria de Alcaldía, un dos documentos adxuntos aos Orzamentos, "Lores di que o Concello deu especial atención aos máis vulnerables" mentres que as súas palabras contradinse cos datos extraídos das contas, pois os Servizos Sociais "verán reducida a súa achega nun 6,85% con respecto ao ano pasado".
O PP anuncia o seu voto en contra á aprobación do Orzamento no próximo pleno do venres 7 de xaneiro e critica unha redución dun 11,35% na partida de Igualdade e os escasos investimentos que levará a cabo o Concello, con obras xa previstas en anteriores anos.
"O investimento será de doce millóns, e se temos en conta a taxa de execución dos últimos, non se chegará nin sequera a executar cinco millóns", asegura o líder do PP, que ve "lamentable" esta situación, pero asegura que "é algo que non nos sorprende en absoluto, pois é o habitual".
Ademais, cuestiona un "abandono absoluto do rural", no que non hai ningunha obra significativa, e dos barrios, cunha única obra prevista, que o vial do Mollabao e un "investimento simbólico" no pavillón da Parda.
Domínguez tamén bota en falta obras que recoñece "importantes para a cidade" como unha biblioteca municipal, novas partidas que conleven un incremento na programación cultural, melloras en varios campos de fútbol, obras de mellora no Mercado de Abastos, o arranxo integral nos cemiterios municipais, investimento para a realización dunha novo PXOM ou a creación dun piso de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero.
RESPOSTA DE ANABEL GULÍAS
Anabel Gulías, pola súa banda, criticou que o PP demostra un descoñecemento do funcionamento da Administración local e do seu documento "máis importante", o Orzamento Municipal, a pesar de que xa van tres anos de mandato. "Sorprende, e moito, que o señor Domínguez e o seu equipo sigan se comprender os orzamentos municipais", cuestiona.
A portavoz municipal tamén sinala que fan afirmacións que non son correctas como o abandono do rural ou os barrios e que chegan a realizar interpretacións que "sería gracioso se non fora malo para a cidade", pois "ter unha oposición incapaz é desastroso".
Para Gulías é "triste" e "grave" que teñan que explicarche aínda aos concelleiros do PP as partidas orzamentarias e que presenten unha emenda á totalidade que é unha "simple valoración política" na que non fan propostas nin achegan "ningunha valoración construtiva para o goberno e para a cidade".
"Limítase a dicir que o Goberno municipal o fai todo mal", critica Gulías, que engade que mesmo realizan mal a conclusión da emenda, pois solicítaa en lugar de presentala.
Relacionadas:
-
O PP pide ao Concello que tome medidas "inmediatamente" contra a "mala estruturación do orzamento" 2022
Por Redacción |
-
O Pleno aproba os orzamentos 2022 para Pontevedra, os máis altos da súa historia, co voto en contra do PP
Por Natalia Puga |
-
Os Orzamentos 2022 dan un paso máis e o venres superarán o seu último trámite
Por Redacción |
-
O PP de Pontevedra rexistra unha emenda á totalidade aos orzamentos do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Raimundo González explica os orzamentos 2022 aos representantes veciñais
Por Redacción |
-
O PP denuncia unha "deficiente xestión" dos servizos sociais que provoca listas de espera de catro meses e baixas encadeadas
Por Natalia Puga |