Rescatan dous tripulantes dunha lancha que se afundiu de madrugada no medio da Ría
Por Redacción
Unha lancha motora afundiuse esta madrugada na Ría de Pontevedra e foi necesaria a intervención de Salvamento Marítimo e Vixilancia Aduaneira para rescatar ao barco e os seus dous tripulantes.
Segundo informou Salvamento Marítimo, os dous tripulantes foron rescatados, en concreto, por un barco de Vixilancia Aduaneira e desembarcados no peirao de Combarro, Poio.
O incidente ocorreu sobre as 1.35 horas da madrugada a unha milla de Areas, en Sanxenxo. Os tripulantes pediron axuda porque se abriu unha vía de auga na lancha, bautizada 'Ferdan 1'.
A lancha acabou afundida na Ría, pero os seus dous tripulantes non sufriron ningún contratempo porque puideron pasarse a unha lancha neumática auxiliar. Alí recolleunos o barco de Vixilancia Aduaneira para levalos a terra.