Mensaxe do presidente da Xunta: "Galicia ten demostrado que ser leal non é incompatible con ser reivindicativo"

© Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, emitía a primeiras horas da tarde deste venres 31 de decembro a tradicional mensaxe de Fin de Ano, realizada nesta ocasión no Monte do Gozo de Santiago de Compostela. No seu discurso comezou facendo referencia a un ano que "volveu estar condicionado pola covid e que lamentablemente volve condicionar este Nadal, que non está a ser como a todos nos gustaría", explicou o máximo representante do executivo galego.
Mandou un abrazo ás familias que perderon seres queridos como consecuencia da pandemia e aos que se atopan hospitalizados, ademais de agradecer o labor de profesionais sanitarios e tamén a todos aqueles sectores que "fan que a vida sexa un pouco menos dura cada día" como mestres, xente de Protección Civil, policías ou traballadores de residencias.
Afirmou que, grazas ao esforzo de todos os galegos, "logramos que a taxa de mortalidade sexa a máis baixa da Península e conseguimos reducir o impacto da pandemia grazas ao sentidiño".
Encomiou a "responsabilidade e solidariedade na vacinación, cunha das taxas máis altas de España e de Europa", utilizando o exemplo de Nieves Cabo, a primeira galega en vacinarse. "Sen dúbida, as vacinas son fundamentais para ver a luz ao final do túnel", expuxo alertando de que é a fórmula para facer fronte a novas variantes e ondas.
"Os galegos somos quen de superar os obstáculos e chegar a bo porto", argumentou Núñez Feijóo para destacar o papel dos deportistas autonómicos que volveron das Olimpíadas con once medallas. Pero sinalou que todas as persoas que "con esforzo, humildade e sacrificio non se renderon e que contribúen a facer cada día unha Galicia mellor" merecen o ouro.
O presidente utilizou unha das palabras de moda para expoñer a capacidade que ten a poboación galega para superar circunstancias traumáticas ao indicar que "os galegos somos un exemplo de resiliencia antes de que se inventase esa palabra. Somos quen de dar o mellor de nós mesmos e seguir camiñando" para, a continuación, lembrar os corenta anos da aprobación do Estatuto de Autonomía.
Tampouco faltaron leves referencias políticas á situación doutras autonomías do Estado cando alegou que "Galicia demostrou desde unha esquina da península que ser leal non é incompatible con ser reivindicativo. Que é posible sumar e servir aos cidadáns de Galicia e de España á vez que se mantén a identidade e as raíces".
En canto ao futuro, engadiu que o Xacobeo marcará o 2022 do mesmo xeito que a evolución da pandemia e a forma en que se afronte a recuperación económica. Recoñeceu que "quedan dificultades. Estamos de cheo nelas" aludindo ás novas ondas da covid, a subida do custo da vida ou do prezo da luz.
Pero animou á poboación porque "Galicia conta cos instrumentos para facer fronte ao virus e, por suposto, está preparada para aproveitar os fondos europeos e poñer en marcha unha serie de proxectos que contribúan a dinamizar a nosa economía, xerar emprego e avanzar nun novo modelo máis verde, máis innovador e máis xusto".
Volveu insistir en que Galicia fixo os deberes e conta co mellor recurso, a xente. Incidiu en que neste 2022 hai un novo Ano Xacobeo, de forma extraordinaria, para aproveitar "todo o seu potencial", convidando a todos á "gran festa de Galicia". A mensaxe finalizou cun chamamento á cidadanía porque "sodes imprescindibles para camiñar cara a unha Galicia mellor".
Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, diríxese a todos os galegos para despedir o ano 2021 desde o Monte do Gozo
© Xunta de Galicia