Dous homes, de 66 e 73 anos, novas vítimas mortais con covid en Montecelo
Por Redacción
Dúas persoas falecidas súmanse á longa lista de decesos do últimos once días como consecuencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Neste período perderon a vida 14 persoas diagnosticadas por esta enfermidade.
Nesta ocasión, a Consellería de Sanidade informa da morte dun home de 66 anos e doutro de 73 anos que se atopaban ingresados no Hospital Montecelo con outras enfermidades nos seus historiais clínicos. Coas súas mortes, a área sanitaria incrementa o número de vítimas desde o inicio da pandemia a 228 persoas, a última rexistrárase na xornada deste luns, unha muller de 81 anos que tamén falecía en Montecelo.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 23.445 pacientes nos distritos de Pontevedra e O Salnés, 201 persoas máis que na xornada de onte.
A Consellería de Sanidade tamén notificou a morte doutras dúas persoas con covid-19 en Galicia. Trátase dun home de 57 anos, que morría no Hospital Lucus Augusti de Lugo e unha muller de 91 anos, falecida no Hospital Povisa de Vigo. Tamén contaban con outras patoloxías previas.
Con estas outras catro mortes, o número de perdas como consecuencia da pandemia en Galicia ascende a 2.757 persoas desde que se ten constancia de falecementos derivados do virus.
PREVISIÓN DE VACINAS
Desde a xerencia da área sanitarlia insisten en que tanto no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra como na antiga Comandancia en Vilagarcía séguese vacinando a todas aquelas persoas que acudan, aínda que non puxeran ningunha dose. Tamén se realizan repescas de persoas maiores de 50 anos e de persoal sanitario e sociosanitario. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou este martes que as persoas non vacinadas corren aínda máis perigo con esta nova onda da pandemia, xa que a variante ómicrom é altamente contaxiosa. Ademais, sinalou que das oito persoas falecidas nos últimos días, notificadas o luns, a metade non recibira vacina algunha.
O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo ten previsto administrar este mércores 29 un total de 2.700 terceiras doses a cidadanía con idades entre 40 e 49 anos. Tamén se vacinarán menores de 49 anos que recibisen anteriormente vacúas de vector viral.
Na antiga Comandancia da Mariña en Vilagarcía administraranse 750 terceiras doses a poboación con entre 40 e 49 anos. Os citados recibirán un SMS indicando o lugar, data e hora da cita. Desde o Servizo Galego de Saúde piden puntualidade para evitar colapsos de circulación de persoas no recinto.
Relacionadas:
-
Coa morte dunha muller de 95 anos, a área sanitaria pecha o ano con 229 vítimas desde o inicio da pandemia
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés contabiliza 4.507 casos activos de coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
En Fin de Ano as ceas terminarán á unha e o lecer nocturno pechará ás tres
Por Oskar Viéitez |
-
Este mércores 29 deixan de facerse PCR sen cita no Provincial ao entender o Sergas que se entra en "fase de mitigación"
Por Redacción |
-
A metade dos pacientes ingresados na UCI de Montecelo non quixeron vacinarse
Por Alejandro Espiño |
-
Confírmanse 511 novos casos de covid nas últimas 24 horas
Por Oskar Viéitez |
-
Falece unha muller de 81 anos con covid establecendo unha cifra de 12 mortes en 10 días na área sanitaria
Por Redacción |