Josuha Xanbreo presenta o calendario 2022 de Bueu
Por Redacción
Unha das novidades dentro do Nadal de Bueu atópase na elaboración dun calendario para o próximo ano elaborado polo artista local Josuha Xanbreo. O concelleiro de Cultura Xosé Leal considera que se trata dunha iniciativa que pon en valor os elementos patrimoniais das tres parroquias do municipio e a creación artística.
Baixo o título 'O Bueu que somos' presenta quince láminas debuxadas que ofrecen imaxes da praza do Concello e Massó, mentres na contraportada recóllese o Estaleiro da Banda do Río. Despois faise un repaso a diferentes elementos como, entre outros, a Capela de Santos Reis, a aula da Natureza de Cabo Udra, o monumento a Johan Carballeira, o Faro da Illa de Ons, a Igrexa de Ermelo, a fonte do Cura e a Igrexa parroquial de San Martiño ou a Románica de Cela.
Neste almanaque recóllese un saúdo do alcalde Félix Juncal e 67 efemérides relacionadas con habitantes da historia de Bueu como outras de personalidades do ámbito de Galicia. Desde o Concello imprimiuse unha tirada especial de 500 exemplares para estas festas, a metade en formato A3 e a outra metade en A4. Nos próximos días entregaranse a diferentes colectivos da vila.
Ademais, o calendario estará dispoñible na páxina web municipal do Concello para a súa descarga e tamén se lanzará un sorteo especial a través das redes sociais municipais para aqueles particulares que queiran lograr algún exemplar impreso.