Ferido de gravidade un condutor de 75 anos tras chocar cun camión cargado de animais vivos
Por Oskar Viéitez
Un condutor de 75 anos resultou ferido de gravidade despois de que o seu coche chocase contra un camión na mañá deste luns en Cerdedo-Cotobade.
Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro ocorreu sobre as 10:15 horas, cando varios particulares contactaron coa central de emerxencias para alertar deste sinistro na N-541, sobre o punto quilométrico 63.
Nestas comunicacións, advertían de que un coche que circulaba en sentido Forcarei invadiu o carril contrario impactando contra o camión que transportaba pitos vivos e que non puido evitar arroialo.
Os bombeiros do Parque Intercomarcal, con base en Silleda, liberaron ao condutor que estaba atrapado no interior do vehículo e que presentaba feridas de consideración. Foi trasladado en ambulancia ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Mentres tanto, outro camión desprazado ata o lugar do accidente recolleu aos animais que viaxaban no camión.