Vilagarcía alega contra o parque eólico do Xiabre por ser incompatible co seu proxecto de miradoiro
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de presentar alegacións ao proxecto de ampliación do parque eólico que promove Engasa Xiabre, SL, no que catro dos cinco aeroxeneradores previstos pretenden emprazarse no termo municipal de Vilagarcía, na falta do Xiabre cara a desembocadura do río Ulla.
Sen estar en contra de que se instalen máis aerexenadores, o goberno local pide que se busque un emprazamento "que sexa plenamente compatible" coa actuación xa en marcha consistente na construción dun miradoiro sobre Cortegada e o río Ulla.
Quen tramita o expediente da ampliación do parque eólico, expoñéndoo ao público, é a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a instancias dunha empresa.
Quen xa aprobou e financia con 50.811,75 euros (o 100% do total) o proxecto do miradoiro é a Consellería do Mar, á vista do plan presentado pola concellería de Turismo de Vilagarcía, que dirixe Álvaro Carou.
O Concello xa participou nalgunha reunión da Xunta con diversos gobernos locais afectados pola expansión dos parques eólicos, e non deixará de facer novas xestións para que o previsto no Xiabre sexa reformulado.
"Crear un miradoiro con vistas a enormes postes (máis de 80 metros de altura) non parece ter moito sentido, e máis cando ese proxecto foi un dos poucos que recibiu o apoio do 100% dentro das estratexias de desenvolvemento do Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que promove a Unión Europea", sinalan nun comunicado.
O plan municipal conta co apoio de asociacións como Amarcarril e de empresas dedicadas ao turismo, como Corticata ou Medusa, e, ademais, forma parte dun plan de acción máis amplo en materia turística.
Así, o miradoiro -como consta na memoria presentada no seu día- é un complemento da Ruta Mariñeira que este verán puxo en marcha o Concello en colaboración con Amacarril, de feito, na cruz do Xiabre estaría o sexto panel desa ruta, na que se pon en valor a riqueza marisqueira da ría o seus xeitos de produción, pero tamén outros non menos importantes: Cortegada (parque nacional), a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e o Río Ulla, a orixe de todos os camiños, e as rutas de sendeirismo en cuxa recuperación está a traballar agora mesmo o Concello de Vilagarcía.
O miradoiro consistirá nunha plataforma realizada en aceiro galvanizado, tanto na estrutura reticular coma no pavimento ou varanda, todo cun mínimo impacto sobre o medioambiente, pois tampouco será necesario facer cimentación ao utilizar as rochas xa existentes como apoio.
O proxecto contempla tamén o acondicionamento dun camiño ata o miradoiro (de feito, forma parte da Ruta 3 das catro existentes arredor do Xiabre), a colocación de dous bancos e a creación e instalación dun panel explicativo.
Malia non ser o punto máis alto do monte, a zona elixida é un lugar estratéxico para admirar a ría e o río, a illa de Cortegada, a ruta dos cruceiros, os vales do Salnés e do Ullán. A súa posta en valor sen dúbida xerará novas perspectivas para o turismo e con iso, tamén, promoción económica directa para as asociacións e empresas que traballan no sector turístico, pero indirectamente para todo o concello.