Abren o prazo para alegar ao texto que regula o teletraballo no Concello de Poio
Por Redacción
O regulamento que regula a prestación de servizos en réxime de teletraballo na Administración municipal de Poio xa se atopa na Sede electrónica do Concello. Este documento foi aprobado polo Pleno da Corporación en novembro e agora exponse publicamente durante 30 días hábiles para que aquelas persoas interesadas presenten alegacións a esta proposta.
No caso de que non se presenten reclamacións, o texto será aprobado de forma definitiva e entrará en vigor aos 15 días da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia. A intención do concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, é que con este documento se defina a fórmula de traballo a distancia, derivada da situación provocada pola pandemia.
Ademais, quérese establecer un sistema para que o teletraballo sexa utilizado como unha ferramenta máis, á marxe da crise sanitaria. O regulamento conta con 14 artigos nos que se establecen os dereitos e deberes, requisitos técnicos, procedementos e organización do teletraballo.
Martínez indica que as prestacións que deben realizarse de maneira presencial nas oficinas municipais están garantidas para a cidadanía.
REGULAMENTO DA ASEMBLEA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Por outra banda, o xoves 23 na Xunta de Portavoces de carácter extraordinario avanzábase na tramitación do regulamento polo que se rexerán a Asemblea de Participación Cidadá e o Consello de Participación Veciñal, órganos que pretenden consolidar a comunicación entre a administración local e os colectivos sociais do municipio para impulsar accións, actividades e propostas de diferente tipo.
A intención por parte de Silvia Díaz, concelleira de Participación Veciñal, é que sexa un documento de consenso co apoio de todos os grupos políticos con representación no municipio. O borrador sobre o que se traballa consta de 35 artigos para que o Consello sexa o instrumento para que a cidadanía traslade propostas e peticións ao goberno local.
A Asemblea encargarase da coordinación de iniciativas que afecten á poboación, na que se poderán achegar sugestiones en diferentes ámbitos.