O alumnado máis novo do campus gozou do Samaín
Por Redacción
A gran festa do Samaín da Escola Infantil do campus foi todo un éxito de participación xa que á cita acudiron, entre outros personaxes, varias meigas, aínda que ningunha tiña o nariz longo e puntiagudo nin verrugas grandes e feas, un grupo de princesas que viaxaron ata Pontevedra dende países moi afastados e un mago obsesionado con coleccionar globos preferiblemente de cor negra.
Foi tal a variedade de disfraces que elixiron os alumnos máis novos do campus para celebrar esta data tan sinalada que ata foi posible ver a algún que outro zombi deambulando polo patio da escola e mesmo á propia Carapuchiña Vermella que, ao igual que lle pasa no conto, non puido evitar coincidir co lobo, aínda que nesta ocasión non parecía moi feroz.
Tampouco quixo deixar de gozar desta xornada o persoal da Escola Infantil, involucrándose de cheo nesta actividade disfrazándose cos cativos e animándoos en todo momento a participar dunha festa na que os xogos e as cancións foron protagonistas.