Denuncian tres irmáns por falsificar datos dun accidente e intentar estafar ao seguro
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detectou o suposto intento de estafa de tres irmáns veciños de Pontevedra que terían inventado os datos dun accidente de tráfico para ocultar que o conducía unha persoa sen carné e para defraudar a unha compañía de seguros 'coándolle' dous feridos.
Os feitos xa está en coñecemento do xulgado, que tramita dilixencias polos delitos de falsidade documental e tentativa de estafa. Ademais, investígase un posible quebrantamento de condena porque a persoa que conducía o coche no momento do sinistro tiña o permiso de conducir retirado por orde xudicial.
Todo ocorreu o 26 de xullo. Un veciño de Pontevedra chegou a recoller o coche que tiña aparcado na rúa Alcalde Hevia e atopouse con que o vehículo sufría danos e alguén lle deixou unha nota. O papel incluía os datos dunha persoa que aseguraba que tivera un accidente de madrugada e dicíalle que se puxese en contacto para arranxar o parte do accidente e a cobertura do seguro.
O dono do coche danado puxo os feitos en coñecemento da Policía Local e chamou ao teléfono de contacto. Cubriron un parte de accidente no que constaba que un coche ocupado por tres persoas bateu de madrugada contra outro que estaba estacionado na rúa e que no sinistro resultaron lesionadas dúas persoas.
A Policía Local tivo coñecemento de que, en realidade, no momento do accidente só ía no coche unha persoa, de modo que investigou o sucedido. Os axentes concluíron que o coche conducíao unha persoa co carné retirado, pero contou coa complicidade dos seus dous irmáns e inventaron os datos para ocultalo.
Así, no parte supostamente rexistrouse como condutor un home que non ía no coche. Ademais, co fin de cobrar unha indemnización da compañía de seguros, dous dos tres irmáns cómplices acudiron a un centro de saúde e relataron que ían no coche e que resultaron lesionados.
A conduta dos tres irmáns pode ser constitutiva de delito, por iso é polo que a Policía Local a puxo en coñecemento do xulgado para que siga investigando.