Os viaxeiros que cheguen a Pontevedra en tren poderán facer probas covid na estación
Por Redacción
Ante a chegada dos días centrais deste nadal, nos que se prevé un notable movemento de viaxeiros, o Servizo Galego de Saúde decidiu implantar puntos nas estacións de trens de Galicia para realizar probas diagnósticas e detectar posibles positivos por covid-19.
Así, todas aquelas persoas que cheguen a Pontevedra en tren poderán facerse unha proba sen cita previa e totalmente gratuíta antes de abandonar a terminal ferroviaria.
Será un punto que estará unicamente dispoñible para os viaxeiros, polo que os cidadáns non poderán acceder a el. Estará operativo polas mañás de 10 a 14 horas e polas tardes de 15:30 a 20 horas, segundo detallan as autoridades sanitarias.
Ademais deste punto, o Sergas seguirá facendo probas PCR sen cita no lateral do Hospital Provincial, onde a afluencia de persoas foi en aumento a medida que se aproximaba a Noiteboa.
Neste caso, o horario de actividade é de 10 a 14 horas e de 15:30 a 20 horas, cun descanso de media hora ás seis da tarde, para que o persoal poida repousar.
En toda Galicia habilitáronse un total de 23 puntos para probas diagnósticas.