A Casa Museo de Colón terá novo equipamento audiovisual, de eficiencia enerxética e xestión de residuos
Por Redacción
O Concello de Poio vén de adquirir novo equipamento destinado á Casa Museo de Colón. Trátase dunha compra que se financia a través de parte da subvención que este ano obtivo a administración municipal grazas ás xestións realizadas de xeito conxunto pola Concellería de Pesca e Marisqueo e Turismo ante o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que ascende a máis de 54.000 euros en total.
As concelleiras delegadas destas áreas, a socialista e tenente de alcalde Chelo Besada e Silvia Díaz (Avante Poio), supervisaron estes días o material.
En concreto, trátase de equipamento para mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións, así como recipientes de reciclaxe para a xestión de residuos.
O museo situado no lugar de Portosanto, na parroquia de San Salvador, tamén pasará a contar con novo material audiovisual para comunicación dixital, incluída unha pantalla de 65 pulgadas. Este investimento, que se realiza con cargo á primeira anualidade da axuda obtida a través do GALP, rolda os 10.000 euros aproximadamente.
De cara ao vindeiro ano, as actuacións proxectadas na Casa Museo de Colón serán máis ambiciosas, tal e como lembran Besada e Díaz.
As dúas concelleiras do goberno municipal confirman que a subvención tamén se empregará para a contratación dun técnico ou técnica, que será a persoa responsable de organizar actividades e iniciativas que axuden a dinamizar e difundir a teoría que defende a orixe galega do descubridor do continente americano.
Ademais, esta incorporación tamén facilitará que as dependencias poidan manter un horario de apertura moito máis amplo, o que "sen dúbida axudará a incrementar o número de visitas".
Neste sentido, ao longo de 2021, durante os meses que permaneceu operativo, o museo recibiu a máis de 600 visitantes, entre os que se inclúen participantes en excursións organizadas por colectivos como a Asociación Galicia Histórica.
Entre as actuacións a desenvolver a través destes fondos figura, asemade, a gravación dun documental que axude a promocionar os valores e bens culturais, históricos e patrimoniais que existen en Poio e que están directamente vencellados a Cristóbal Colón.
A Casa Museo de Portosanto forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), creada a través do proxecto de cooperación interterritorial Morada Atlántica, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020. Chelo Besada e Silvia Díaz comprométense a "continuar traballando para seguir dinamizando e poñendo en valor unhas dependencias tan emblemáticas coma estas".
Relacionadas:
-
"Nova etapa" para a Casa Museo de Colón que activa un plan de dinamización
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón, eixo principal do roteiro literario no que participou o escritor Rodrigo Costoya Santos
Por Redacción |
-
A Concellería de Turismo instala novos paneis informativos e dous tótems en diferentes puntos de Poio
Por Redacción |
-
A accesibilidade e protección dunar en Areas será mellorada cunha axuda do GALP
Por Redacción |
-
A Deputación financiará a reforma da contorna de Portosanto, Saíñas e A Puntada
Por Redacción |
-
Un veciño de Portosanto fai unha curiosa doazón á Casa Museo de Colón
Por Oskar Viéitez |