Curso gratuito en Ponte Caldelas de preparación dos exames de graduado en ESO
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas organiza un ano máis un curso gratuito para a preparación do exame de Graduado en ESO, un título básico que abre as portas a moitos empregos, necesario para acceder a cursos cos que se poden obter certificados de profesionalidade e que é imprescindible para presentarse a calquera oposición.
O curso está financiado polo Concello de Ponte Caldelas e iniciarase o luns 10 de xaneiro, extendéndose ata o venres 20 de maio. As clases impartiranse os luns, mércores e venres de 10.00 horas a 13.00 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.
Todas as persoas interesadas en participar poderán presentar as súas solicitudes na Alcaldía do Concello de Ponte Caldelas ata o venres 7 de xaneiro de 2022.
Esta iniciativa pretende seguir coa loita contra o abandono escolar e facilitar á veciñanza a base para que non pechen as portas a outras actividades formativas.
CALENDARIO
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas xa comezou o reparto do calendario 2022, que se reparte porta a porta e é totalmente gratuito.
Un ano máis está composto por imaxes do municipio e, como novidade, este ano o Concello elaborouno con fotografías aéreas de lugares emblemáticos do municipio. Seguindo a estética do ano pasado, o almanaque é a toda cor e incorpora refráns en cada un dos doce meses do ano.
"Queremos que o 2022 veña cargado de enerxía, de positividade e de moita cor. Vai gustar moito porque ver o noso patrimonio e os lugares emblemáticos do concello dende o aire é espectacular", asegura o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que lembra que neste calendario se incorporan todas as feiras de Ponte Caldelas, as festas de cada un dos lugares do municipio e tamén os eventos que se organizan a nivel municipal.