Detidos dous veciños de Sanxenxo e outro de Marín por unha estafa de gasóleo
Por Redacción
A Garda Civil detivo a G.C.V., de 37 anos de idade, a E.N.H., de 28, os dous veciños de Sanxenxo e a R.D.G.B., de 48 e con domicilio en Marín, como supostos autores dun delito de apropiación indebida e outro de estafa de gasóleo por un valor superior ás 15.000 euros.
Segundo fontes do Instituto Armado, estes delitos foron cometidos a través da creación dunha empresa de construción por medio da cal alugaron catro xeradores de corrente a unha empresa do Porriño, valorados en 27.400 euros, con destino a unhas obras de saneamento no municipio de Meaño, obras que nunca se levaron a cabo, e os xeradores non foron devoltos ao propietario.
Respecto á estafa de gasóleo, a citada empresa efectuou pedidos a un subministrador de Val do Dubra (A Coruña) facilitando contas bancarias inexistentes ou sen fondos para satisfacer a débeda.
Estas detencións son froito das investigacións que compoñentes do posto principal da Garda Civil de Sanxenxo veñen realizando dentro da Operación "Vito" que se está a levar dende o devandito posto para a detección de empresas de nova creación que figurarían a nome de persoas con baixos recursos económicos.
Os detidos, que contan con antecedentes policiais, quedaron en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número un de Pontevedra, cando para iso sexan requiridos.