Os alcaldes de Vilaboa e Ponte Caldelas exploran vías de colaboración
Por Redacción
Os alcaldes de Ponte Caldelas e Vilaboa, Andrés Díez e César Poza, mantiveron este martes un encontro na Casa do Concello de Vilaboa para estudar diversas estratexias de colaboración co fin de poder establecer vínculos entre os pequenos concellos da contorna que favorezan e melloren a prestación de servizos municipais.
A cooperación entre institucións abre unha nova perspectiva de interese estratéxico para os pequenos municipios, que poderían así aforrar custes en servizos básicos para a cidadanía como é a recollida do lixo que, ó mesmo tempo, resulta ser un servizo deficitario na maioría dos concellos galegos. Que os municipios limítrofes ou próximos saiban detectar e aproveitar esas sinerxias impulsaría a posta en marcha de diferentes accións de mellora e optimización de recursos dende unha visión conxunta e de futuro para moitos concellos, cuestión na que coinciden plenamente Díaz e Poza.
Por outra parte, os alcaldes falaron sobre a importancia das subvencións europeas para os concellos de menos de 20.000 habitantes. "Unha oportunidade excelente de conseguir fondos para mellorar as infraestruturas municipais e os espazos públicos aportando máis calidade de vida ás persoas", indicou o rexedor de Ponte Caldelas, localidade na que este ano se conseguiron dúas subvencións europas para reducción de emisións e coas que se reformaron dúas das principais avenidas do casco urbán a custe cero para o Concello.