Os cemiterios énchense de vida na véspera de Todos os Santos
Por Redacción
Os cemiterios pontevedreses están este xoves, véspera de Todos os Santos, máis cheos de vida que calquera outro día do ano. San Amaro pode servir de exemplo do que ocorre no resto de instalacións parroquiais e municipais e desde primeira hora da mañá a tónica dominante foi a de atascos nos accesos, centos de persoas limpando tumbas e panteóns e unha trasfega continua de flores, centros e ramos.
Neste cemiterio do centro de Pontevedra este xoves houbo atoamentos durante toda a mañá de centos de vehículos que pretendían chegar ao mesmo tempo para limpar os cemiterios e colocar as flores recentemente adquiridas. Ata por momentos a Policía Local regulou a circulación.
Nos cinco cemiterios de titularidade municipal a trasfega é ata maior. Operarios do Concello de Pontevedra ultiman a posta a piques das instalacións para recibir mañá a miles de pontevedreses e visitantes que queren horar aos seus defuntos no Día de Todos os Santos. Son os camposantos de Lourizán, Bora, Campañó, Ponte Sampaio e San Amaro e neles os traballadores municipais levan xa varias semanas realizando tarefas de poda de árbores, limpeza e outro tipo de arranxos.
Este 2013 a actuación principal afectou ao cemiterio de Lourizán. Este xoves a concelleira delegada de Cemiterios, Carmen Fouces, visitou os últimos traballos dunha actuación máis global que se realizou nos últimos dous meses.
Neste cemiterio municipal había ata deficiencias estruturais que levara a pequenos accidentes e caídas dos usuarios. Tras a actuación realizada, instalouse unha nova varanda e o chan ha quedo nivelado.
En San Amaro realizouse unha poda xeral das árbores, limpáronse os espazos comúns e realizouse unha roza da parcela desocupada na que está previsto ampliar as instalacións.
Na zona do antigo cemiterio civil (que décadas atrás estaba ata separado fisicamente do camposanto relixiosos), plantáronse árbores e plantas como rododendros ou gardenias para que a entrada ao mesmo polo lateral de San Amaro quede "máis humanizada".
Ademais, puxéronse en pé os restos da tumba dun aviador francés que presentaba un estado de total abandono e arrombouse a contorna de diversas tumbas masonas. Carmen Fouces considera que "isto é parte da historia" e, con todo, esta zona de San Amaro "estaba moi secundaria" e é necesario recuperar a súa importancia a nivel histórico e cultural.