Dous meses de traballo en Bueu para lucir a alfombra efémera de Nadal
Por Redacción
A Sala Amalia Domínguez Búa é o espazo no que, ata despois do día de Reis, poderá contemplarse a tradicional alfombra floral de Nadal deseñada pola Asociación Cultural de Alfombras de Bueu, unha obra de carácter efémero.
A alfombra tivo un proceso de preparación e elaboración de dous meses e forma parte da programación anual da Asociación de Alfombras, creada no ano 2015 co obxectivo de que a tradición da arte floral non se perdese e que fose coñecida en máis lugares do mundo.
O deseño desta edición é moi figurativo, e nel aparece como novidade a mensaxe "Navidad de esperanza", un lema que pretende transmitir bos desexos nestas festas e de cara ao 2022.
Trátase, segundo os seus creadores, dun tapiz sostible, con moitas cores e materiais propios da zona, como cunchas de berberechos, follas de eucaliptos, noces ou magnolias.
Ademais, o musgo foi traído directamente pola asociación dende os Países Baixos, xa que actualmente se atopa prohibida a súa recollida no noso país.