A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar experiencias de agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vai lanzar unha liña de axudas para botar a andar e potenciar experiencias de agrocompostaxe na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza.
Así o anunciou este luns o vicepresidente César Mosquera na inauguración das Xornadas Revitaliza sobre ‘Biorresiduos municipais retornando ao agro’, onde subliñou que a compostaxe de residuos urbanos con residuos producidos na agricultura ou na gandeiría –o que se chama modelo austríaco- é unha solución "de sentido común" para resolver a xestión dos biorresiduos nas vilas e cidades e ao mesmo tempo achegar fertilizantes á terra.
Mosquera indicou que o Revitaliza ten as bases para estas axudas preparadas dende a primavera pasada á espera da nova normativa sobre residuos estatal, que se aprobará nesta mesma semana, e que aclarará a posibilidade de que os residuos municipais separados en orixe se poidan mesturar cos xerados no agro e na gandería.
Insistiu en que a convocatoria non se puido botar a andar antes para evitar fracasos: "Queremos dar pasos con solvencia incluso a risco de ir máis lentos", explicou.
Mosquera subliñou que o obxectivo das axudas provinciais será achegar fondos para poñer en marcha proxectos conxuntos e de colaboración entre concellos e empresas agrogandeiras, un obxectivo polo que nestes momentos tamén está a apostar a Unión Europea.
O vicepresidente Mosquera realizou o anuncio das axudas para proxectos de agrocompostaxe no marco das Xornadas Revitaliza coorganizadas xunto ao CEIDA. Na inauguración o director do centro, Carlos Vales, subliñou que nos dous días que durarán os relatorios exporanse as experiencias máis relevantes do estado español ao falar da co-compostaxe urbana e agrícola, tanto dende a perspectiva pública, privada, de normativa e de investigación.
Relacionadas:
-
O Plan Revitaliza reparte 100.000 euros para mellorar a xestión de residuos en oito concellos
Por Redacción |
-
Expertos subliñan ao agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas para combater o cambio climático
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos nacionais analizarán en Pontevedra as vantaxes de retornar os biorresiduos municipais ao agro
Por Redacción |
-
Froebel de Pontevedra e Riomaior de Vilaboa, centros destacados polo súa implicación na compostaxe
Por Redacción |
-
Representantes do goberno de Israel interésanse pola fórmula de compostaxe do Revitaliza
Por Redacción |