Detido un vilagarcián que vendía cocaína e marihuana en Moaña, Meira e Bueu
Por Redacción
Un veciño de Vilagarcía de Arousa de 28 anos foi detido na comarca do Morrazo como presunto autor dun delito contra a saúde pública por vender vender cocaína e marihuana aos consumidores habituais da zona, fundamentalmente en Moaña, Meira e Bueu.
O home foi sorprendido pola Garda Civil con 1.000 dose de cocaína que levaba escondidas no interior do vehículo, supostamente predispostas para a distribución e venda polo miúdo.
As investigacións iniciáronse porque a Garda Civil recibiu unha información de que un veciño da comarca de Arousa desprazábase unha ou dúas veces por semana á comarca do Morrazo para realizar vendas de droga.
As pescudas realizadas polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, en estreita colaboración co Posto de Moaña, permitiron interceptar o vehículo do sospeitoso cando circulaba por unha céntrica rúa desta última localidade.
Na primeira inspección do vehículo non se atopou nada ilegal, pero os axentes estrañáronse do estado de nerviosismo que mostrou o condutor cando se lle preguntou polos 1.700 euros que levaba na billeteira.
Esta circunstancia deu lugar a que se sometese o vehículo a unha exhaustiva inspección, neste caso co apoio dun can especialista na detección de drogas, adscrito ao Servizo Cinolóxico da Garda Civil con base en Vigo.
Grazas ao can, localizouse un habitáculo próximo ao portelo do condutor no que se escondían tres luvas de látex. En dous das luvas gardábanse catro envoltorios envasados ao baleiro con 1.000 dose de cocaína. A terceira luva estaba interiormente recheo dunha pequena cantidade de marihuana.
Ademais, realizouse un rexistro da habitación que utilizaba como dormitorio na casa dos seus pais, onde se incautou un recipiente con cogollos de marihuana, unha báscula de precisión, 25 décimos de Lotería de Nadal, tres cadernos con anotacións, pendentes de analizar e un teléfono móbil.
Ademais, tamén interveu outra pequena cantidade de diñeiro, que xunto coa que levaba no momento da detención suman 2.150 euros.
O detido, xunto co vehículo, a droga, o diñeiro e demais efectos intervidos, foi posto ao dispor do Xulgado de Garda de Cangas, que decretou a súa posta en liberdade provisoria.