Denuncian ante a Policía roubos e danos na decoración de Nadal de Vilagarcía
Por Redacción
Árbores, letras, luces e adornos que forman parte da decoración de Nadal instalada en Vilagarcía de Arousa foron obxecto de diversos roubos ou danos os últimos días e, segundo denuncia o Concello, algún dos autores chegou a colgar as súas "fazañas" nas redes sociais.
Agora, o Concello formalizou na Comisaría da Policía Nacional unha denuncia polos actos vandálicos dos elementos da decoración de nadal, incluído o alumeado, co perigo que iso pode conlevar para quen atenta contra este tipo de instalación.
Xa en días anteriores, representantes do goberno local se reuniran cos responsables da Policía Nacional para analizar esta cuestión e agora formalizaron a denuncia.
Ademais, segundo a información facilitada polo Concello, nas pesquisas tamén colaborará a Policía Local.
Os danos nalgúns casos son importantes. As letras iluminadas que presiden o "poboado" infantil instalado na praza da II República e compoñen o lema 'Nadalízate!' foron obxecto dos vándalos dende case o mesmo día da súa instalación, pero esta fin de semana o ataque deixounas practicamente inutilizadas. Os autores 'recompuxeron' as letras e a mensaxe e onde antes dicía Nadalízate!, agora simplemente dicía 'Liada'.
Boa parte das árbores que decoran esa mesma praza foron tamén envorcados, como as letras. Preto de alí, os cubos de luz da Alameda tamén foron en parte esmagados nun presunto intento de subirse a un árbore. O tren de Zona Aberta na mesma alameda foi igualmente atacado.
Ademais, roubaron as oliveiras plantadas na avenida de Rodrigo de Mendoza, onde está o gran 2022 iluminado, e as que adornaban o paseo que une Ferrazo coa praia de Canelas.
Relacionadas:
-
Comeza en Vilagarcía toda a programación de Nadal, con luces, xardíns efémeros, Fexturrón e circo
Por Redacción |
-
Un Circo de Nadal que xa percorreu medio mundo anima a programación festiva de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Papa Noel prenderá o alumeado de Nadal en Vilagarcía con banda de música e un espectáculo de pompas de xabón
Por Oskar Viéitez |