Operativos de tráfico nos camposantos do concello con motivo de Todos os Santos
Por Redacción
A Policía Local activa este 31 de outubro e 1 de novembro os tradicionais operativos de tráfico nos camposantos do concello con motivo do día de Todos os Santos, xa que se prevé unha grande afluencia de persoas.
No cemiterio de San Amaro, co fin de facilitar o estacionamento en ambas marxes da calzada, dado o escaso número de prazas de aparcamento na zona, é preciso desviar o tráfico nas inmediacións, deixando unha vía de entrada e outra de saída para evitar atrancos e retencións.
Por este motivo, o acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Amaro cara a rúa Camposanto, polo que se impedirá o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro-Camposanto cara ao cemiterio, desviando o tráfico á altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara a Xoán Carlos I.
Ao respecto do cemiterio de Lérez, permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e no aparcadoiro, polo que establecerase un sentido único de circulación. Por tal motivo, o acceso farase pola zona da Piolla e saída polo Outeiro, para acceder, novamente á estrada de Campo Lameiro.