O CSIC revela que Marín e o Grove presentan contaminación por cobre
Por Redacción
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no marco dos seus estudos acerca da contaminación por metais no medio mariño, detectou que os sedimentos das zonas portuarias e de estaleiros de Galicia presentan unha contaminación alta por cobre, o que evidencia o impacto da construción, desprazamento e fondeo de buques nas rías galegas.
O estudo, realizado dende o Instituto de Investigacións Mariñas, tomou como referencia mostras e datos obtidos dende 1999.
O cobre aplícase aos barcos na pintura dos seus cascos para evitar que se lle adhiran organismos; dende aí difúndese ao ámbito mariño e finalmente ao sedimento.
O "ranking" de zonas portuarias de Galicia máis contaminadas, segundo os datos obtidos, encabézao Bouzas-Teis (ría de Vigo) seguido das partes media e interna da ría de Ferrol, a zona costeira en torno ao porto de Marín (ría de Pontevedra) e o porto na ría da Coruña.
Ademais, inexperadamente, os científicos apreciaron tamén unha severa contaminación en lugares alleos ao tráfico de buques como O Grove, na ría de Arousa.