Expertos nacionais analizarán en Pontevedra as vantaxes de retornar os biorresiduos municipais ao agro
Por Redacción
Persoas expertas de toda España participarán en Pontevedra nunhas xornadas sobre a xestión conxunta de residuos municipais e agrogandeiros onde falarán sobre compostaxe e analizarán as vantaxes de retornar os biorresiduos ao agro.
Os vindeiros luns 20 e martes 21, o servizo do Revitaliza da Deputación ee Pontevedra, en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) traen á Boa Vila, en formato presencial e en liña, unha serie de actividades con eixe común na posta en valor da compostaxe, e en específico da sinerxia do co-compostaxe dos biorresiduos municipais xunto cos do agro (agricultura e gandería).
Nestas xornadas, concellos, entidades, universidades, asociacións, empresas e participantes en proxectos concretos, falarán dos antecedentes, o presente, o futuro e as oportunidades neste modelo de compostaxe.
Ademais, os obxectivos claros son promover o regreso dos nutrientes e da materia orgánica dos biorresiduos municipais á contorna agrícola ou gandeira, propoñer os mecanismos técnicos e loxísticos que garantan a co-compostaxe eficiente, así como tamén servir de punto de encontro para presentar experiencias que se están a xestar en diferentes lugares.
Concretamente, achegaranse a Pontevedra representantes dos concellos de Larrabeztu (Bizkaia), Usurbil (Guipuzckoa) ou do Goberno de Navarra. Tamén persoas das universidades de Alacant e de Navarra, colectivos, empresas, e iniciativas de agricultura e gandaría como 'Millo e Landras' (A Coruña), 'Asociación Agroecolóxica para a inclusión social Albalá' (Madrid), Garden Hotels (Mallorca), Asociación Economías Biorrexionais (Madrid) , Biomasa Peninsular (Madrid) ou a Asociación Profesional sen ánimo de lucro 'Fertile Auro' (Barcelona), xunto a participantes que falarán de proxectos como o Priorat (Cataluña), ou a planta de compostaxe 'La Prosperidad' (La Palma) e a planta 'Josenea Bio SL' (Navarra).
As dúas xornadas dividiranse en cinco sesións: unha primeira relacionada coas realidades implantadas, unha segunda coa mesa redonda sobre estas realidades, unha terceira que tratará a situación actual do agro-compost, unha cuarta onde se mirará cara ó futuro desta mestría e, para rematar, unha sesión final onde se plantexarán os retos da agro-compostaxe.
Poderá presentarse o público en xeral que teña interese nesta materia, con prioridade a persoas emprendedoras, empresarias e autónomas interesadas na economía circular e na xestión dos seus biorresiduos, técnicas e responsables de medio ambiente e planificación municipal, responsables das administracións provinciais e autonómicas, e actores implicados na xestión dos biorresiduos en xeral.
Aínda que para o formato presencial as prazas están cubertas, os relatorios tamén poderán seguirse por streaming a través da canle de Youtube do CEIDA: @ceidagalicia.org. Pola súa banda, para facer a inscrición realizarase a través da páxina web do CEIDA (www.ceida.org) no caso de estar interesadas en recibir unha certificación de asistencia.
Relacionadas:
-
Expertos subliñan ao agrocompostaxe como unha das mellores ferramentas para combater o cambio climático
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanzará unha liña de axudas para potenciar experiencias de agrocompostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Froebel de Pontevedra e Riomaior de Vilaboa, centros destacados polo súa implicación na compostaxe
Por Redacción |
-
Representantes do goberno de Israel interésanse pola fórmula de compostaxe do Revitaliza
Por Redacción |
-
O Revitaliza comeza o curso escolar coa participación de 700 alumnos en só dúas semanas
Por Redacción |