A Policía Local de Poio conta cun novo vehículo híbrido
Por Redacción
A Policía Local de Poio conta desde hai uns días cun novo coche que serve para reforzar o seu parque móbil.
Segundo explicou a concelleira responsable da área de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, trátase dun vehículo híbrido, adquirido a través dunha axuda que o Concello tramitou ante o Fondo de Compensación Ambiental, dependente da Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
En total, o investimento realizado para a obtención deste novo vehículo, que o corpo de seguridade local empregará para realizar as súas roldas e intervencións habituais, rondou os 40.000 euros. A achega realizada pola Administración autonómica foi de 29.500 euros.
Marga Caldas explica que coa adquisición do híbrido "cumprimos cun dobre obxectivo, xa que, por unha banda, apostamos por achegar á Policía Local un novo automóbil para que continúe realizando o seu labor nas mellores condicións, ao mesmo tempo que nos reafirmamos no noso compromiso como institución á hora de reducir as emisións e a pegada de carbono, sendo respectuosos co medio ambiente". Precisamente, este é un dos puntos que se contempla na Axenda 2030, á que está adherida o Concello de Poio.
A incorporación do vehículo realízase uns meses despois de que a Policía Local realizase unha doazón ao departamento de Servizos Sociais. Trátase dun automóbil que está destinado a labores como a realización de desprazamentos ás vivendas particualres de usuarios que precisen dalgún tipo de atención, por parte do persoal da Casa Rosada.