Desestiman unha demanda que pretendía cambiar o libro ‘Narcogallegos’ por vulneración do dereito á honra e cobrar 60.000 euros
Por Natalia Puga
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Corcubión botou por terra a pretensión de 14 particulares e unha comunidade de bens de modificar o contido do libro Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco do xornalista pontevedrés Víctor Méndez para suprimir unha referencia á embarcación 'Os Castros' vinculada aos demandantes e pagarlles unha indemnización de 60.000 euros.
Os demandantes, que teñen en común a comunidade de bens 'Os Castro Farelo', aspiraban a que Víctor Méndez, redactor en Diario de Pontevedra, e a editorial do seu libro fosen condenados por un delito de intromisión ilexítima no dereito á honra, suprimise do seu libro a referencia coa que eles non estaban de acordo, deixar de vender os exemplares nos que se mantivese esa referencia e facer pública a hipotética sentenza condenatoria.
Con todo, o xulgado de Corcubión decidiu desestimar a demanda, de modo que as súas pretensións quedan en papel mollado. A sentenza está datada neste mesmo martes 14 de decembro e hai opción de presentar contra ela un recurso de apelación.
A referencia coa que non estaban de acordo os demandantes figuraba en tres páxinas do libro, 188, 189 e 190, e dicía, entre outras cuestións, que "na madrugada do 2 ao 3 de agosto, galegos e colombianos confirmaron que a embarcación 'Os Castros' atracada no porto de Muxía, recollería a droga do mercante".
Tampouco estaban de acordo con que dixese que "no interior do camarote acháronse as coordenadas nas que estaba previsto o transbordo, as claves ('Charly e Tony') para a comunicación entre as embarcacións e a referencia 'Os Castros', o nome da lancha que fora pertrechada, para saír do porto de Muxía".
Os demandantes aseguraban que nin eles nin a súa familia "mantiveron relación, reunión ou encontro con organizacións criminais ou persoas físicas dedicadas ao narcotráfico ou a calquera outra actividade ilícita", senón que se trata dunha familia que desde finais do século XIX dedícase á pesca artesanal e selectiva, e que o libro ataca "de forma grave a honestidade e integridade" da entidade pesqueira e da familia (os 14 demandantes particulares).
Argumentaban tamén que o libro publica informacións "sen verificalas previamente coa fonte de orixe".
Fronte a esta acusacións, na vista oral expúxose o contido de varias sentenzas, entre elas da Audiencia Nacional, que referendan os feitos cuestionados polos demandantes e levaron á sala o contido de investigacións policiais e xudiciais que confirman o seu contido.
Finalmente, a decisión xudicial é contundente e conclúe que as páxinas cuestionadas do libro do demandado "expoñen o relato tal como fora investigado pola Policía Nacional e como se recolle nas sentenzas de Sala do Penal, número de Sentenza 720/2017 do 6 de novembro de 2017, e da Audiencia Nacional Sala do Penal (Sección Segunda) que con data 29 de xullo de 2016".
Segundo o fallo xudicial, as variacións introducidas na publicación son "de moi escasa entidade" e non constitúen un engadido que sexa relevante respecto da intensidade coa que a información, segundo os demandantes, afectaba negativamente á súa honra.
Segundo a xuíza, os fragmentos cuestionados "non poden ser tachados de inveraces" e, ademais, "versan sobre unha materia de interese público", pois refírense a un delito de tráfico de drogas e a información "atópase lexitimada polo exercicio da liberdade de información".
En conclusión, a sentenza conclúe a "inexistencia de intromisión ilexítima no dereito á honra".
Relacionadas:
-
"O tráfico de haxix está banalizado como parte da paisaxe e non ten a repercusión que debería ter"
Por Natalia Puga |
-
Os 'Narcogallegos' de Víctor Méndez chegan a Movistar Plus en formato documental
Por Alejandro Espiño |
-
Detido o responsable dun punto de distribución polo miúdo de marihuana, cocaína e haxix
Por Redacción |
-
"Para loitar contra o narcotráfico necesitamos impulso político e recoñecemento social"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Víctor Méndez: "Mentres haxa negocio, e vai seguir habéndoo, o narcotráfico non vai desaparecer"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |