Un libro recollerá as conclusións e relatorios da Facultade Ágora para mellorar o espazo público
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vai publicar un libro con todas as conclusións e relatorios dos case medio cento de relatores da Facultade Ágora para sentar cátedra e divulgar coñecemento sobre como se debe recuperar o espazo público para as persoas. Así o anunciou este xoves o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez durante o acto de clausura da Facultade, no que se graduaron 124 persoas co título de ‘técnicas Ágora’.
Na xornada, celebrada no salón de actos do Pazo da Cultura, estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria técnica da entidade, Ana Montalbán, ademais do director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e padriño da Facultade, Iñaqui Carnicero, por vía telemática.
Benítez sinalou que o acto de clausura da Facultade Ágora tiña o obxectivo de poñer en valor por primeira a formación de persoa técnica especialista na recuperación do espazo público. "É día de celebración, felicitación e de comprometerse a que a Deputación siga neste camiño", subliñou, destacando que é o momento de levar á práctica o aprendido adaptándoo "á realidade da provincia".
"Temos que desenvolver eses principios, poñer ás persoas primeiro. É algo ambicioso, mais agora mesmo grazas á Deputación xa hai 32 proxectos en redacción, 8 obras en execución polas subvencións Ágora, así como 13 grandes iniciativas do REACPON que seguirán os principios Ágora", apuntou.
O nacionalista subliñou que a experiencia do curso 2021 da Facultade, a pesares de ter que facer os seminarios formativos vía telemática pola COVID, foi "moi positiva, necesaria e innovadora e diferente". Destacou que para a Deputación foi un "éxito absoluto" tanto pola inscrición (213 persoas), pola asistencia e interacción nos seminarios, así como polo resultado do exame, con 124 persoas aprobadas, case a totalidade das que se presentaran.
Ademais lembrou que todo o profesorado participante cualificou como "impresionante" que unha institución como a Deputación teña organizado un curso deste estilo. "Énchenos de orgullo", dixo.
Por outra parte, o responsable da área provincial de Mobilidade apuntou que a Facultade Ágora foi moi necesaria. Insistiu en que o espazo público é unha competencia estritamente municipal e recibe unha gran cantidade de cartos públicos, polo que "hai que pensar ben como se gastan". "Hai un déficit nas carreiras oficiais e queriamos encher ese espazo, porque é importante para a sociedade que se deseñe ben", apuntou.
Tamén sinalou que a Facultade é unha proposta innovadora pola súa visión multidisciplinar do deseño urbano. Neste senso recordou que no corpo docente da Facultade houbo ata 14 titulacións diferentes: dende persoas médicas, urbanistas, arquitectas, enxeñeiras, matemáticas, xeógrafas, escritoras, fotógrafas, ata policías, entre outras.
Benítez subliñou que o plantel de profesorado estivo formado polas principais especialistas do mundo na materia. Destacou que por ese motivo a Deputación se decidiu a recoller as súas intervencións na futura publicación, que se distribuirá por colexios oficiais, escolas técnicas, concellos e institucións de todo o Estado. Tamén anunciou a posibilidade de organizar novas edicións da Facultade.
- Carmela Silva: coñecemento e decisión
- César Mosquera: "Un exército de persoas traballando polo espazo público"
- Iñaqui Carnicero: Ágora na Bauhaus Europea
- Fernández Lores: "Negociar ata perder o coñecemento, pero executar"
- Ana Montalbán: "El espacio público ganó la partida a la movilidad"
Carmela Silva: coñecemento e decisión
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva puxo en valor a importancia que ten o espazo público á hora de construír sociedades colectivas e lembrou que xa na Antiga Grecia era precisamente nas ágoras -das que esta facultade toma o seu nome- nas que se tomaban as decisións. De feito, nos seminarios da Facultade Ágora falouse de "ideas dende diversas perspectivas que nos permiten ter coñecemento, porque soamente o coñecemento permite que tomemos boas decisións".
Neste senso, a presidenta provincial deixou claro que "a xente que se dedica á política ten a obriga de transformar, cambiar e mellorar a vida das persoas que nos elixen para representarnos. Non podemos seguir instalados nos erros do pasado e para ser valentes hai que tomar decisións de dedicar recursos".
Ao falar da necesidade de recuperación do espazo público Carmela Silva referiuse á importancia que este feito ten para a sociedade e puxo o foco nas mulleres e nas crianzas ás que se lles educa "en contraerse e non en expandirse" e, recordou "apréndese moito nos espazos públicos de liberdade".
Carmela Silva tamén felicitou á primeira promoción desta facultade e deulles as gracias "polo esforzo, polo compromiso, pola alegría e por saber que as cousas poden e deben cambiar".
César Mosquera: "Un exército de persoas traballando polo espazo público"
O vicepresidente César Mosquera participou na clausura asegurando que o traballo pola recuperación do espazo público nestes momentos "é imparable". Lembrou que no ano 1999 cando en Pontevedra se daban os primeiros pasos do seu modelo de cidade había un "gran páramo" sobre a materia, polo que se felicitou porque a día de hoxe a Facultade Ágora teña alcanzado o seu grande éxito.
"Con Ágora houbo un grande sentido da oportunidade. Ver agora este exército de persoas traballando pola recuperación do espazo público, na nosa mesma dirección, é emocionante. Esta é unha grande semente que está aí para desenvolver", dixo ao auditorio de persoas tituladas.
Por último, Mosquera puxo en valor que a provincia é un referente que medrará máis co seu modelo grazas ao novo persoal técnico. Salientou, en calquera caso, que a día de hoxe na provincia de Pontevedra hai máis traballo feito de recuperación do espazo público que no resto do Estado Español.
Iñaqui Carnicero: Ágora na Bauhaus Europea
O director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura Iñaqui Carnicero remitiu un vídeo para participar no acto de clausura. Subliñou a súa honra pola designación como padriño da Facultade Ágora e amosou a súa satisfacción polo éxito da iniciativa "excepcional".
Destacou que traballar sobre os espazos públicos, "que tan dejados estuvieron tanto tiempo de las administraciones", é "lo más importante" que se pode facer polas cidades apostando pola calidade da arquitectura, xa que esta "define su identidad y conforma su memoria".
Carnicero amosouse orgulloso de que o proxecto Ágora estea a funcionar "tan bien" e "formará parte de las iniciativas de la Nueva Bauhaus Europea".
Subliñou que Ágora está á cabeza e responde dunha maneira directa, xunto con outros proxectos líderes, á chamada de Europa para tratar cuestións relativas á estética, á inclusión e a sustentabilidade.
Fernández Lores: "Negociar ata perder o coñecemento, pero executar"
O alcalde de Pontevedra animou a unir o gran traballo técnico que permitirá a formación da Facultade Ágora con sentido común e valentía política por parte das persoas que deben tomar as decisións sobre a mellora do espazo público.
"Hai que tomar decisións para que a sociedade avance", subliñou, ao tempo que recoñeceu que nunca toda a cidadanía vai estar de acordo coas actuacións de mellora que se poidan facer. Neste sentido, indicou que en Pontevedra "negóciase ata perder o coñecemento, pero antes de perder o coñecemento hai que actuar porque somos responsables de gobernar".
Defendeu que os coches necesarios para que as cidades funcionen son menos dos que a xente pensa, e compatibles con ter tráfico calmado, coa vitalidade urbana e "con que sexamos máis felices".
Ana Montalbán: "El espacio público ganó la partida a la movilidad"
A secretaria técnica da Rede de Cidades que camiñan agradeceu á Deputación a confianza por ter escollido á entidade para desenvolver a organización técnica da Facultade Ágora.
Tamén subliñou o "generosa hacia la gente" que foi a institución provincial por traballar na formación sobre o espazo público en beneficio dos concellos, "ya que la formación es la base del buen hacer".
Montalbán puxo de relevo que a Deputación demostrou coa Facultade Ágora que "el espacio público ganó la partida a la movilidad" cando na maior parte das vilas e cidades organízase a mobilidade deixando de lado o espazo público.
"Aquí se le dio la vuelta. Aquí la movilidad se juega en el tablero del espacio público", dixo.
Finalizou asegurando que hai moitas persoas agardando a que se celebre unha nova edición do curso.
Relacionadas:
-
María Ángeles Durán: "El mayor éxito de la humanidad en los últimos años es llegar a ser una sociedad de viejos"
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora pon o foco en adaptar os espazos urbanos ás persoas máis vulnerables
Por Redacción |
-
Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |