Encargan o proxecto para mellorar o saneamento na Seca e no porto de Campelo
Por Redacción
Ata 106.000 euros investirá a Xunta de Galicia, a través do organismo Augas de Galicia, na redacción do proxecto construtivo do novo bombeo e depósito de retención da Seca e da mellora da estación de bombeo de augas residuais do porto de Campelo.
Este traballo, que foi adxudicado á empresa Consultora de Ingeniería Medio Ambiente y Arquitectura, terá un prazo de execución de seis meses.
Trátase de desenvolver as propostas do plan de saneamento local da ría de Pontevedra para o novo tanque de tormentas na Seca, que regule o caudal cara á estación do porto de Campelo e mellore as instalacións deste último.
Para intentar resolver a problemática nas zonas que atinxen a este servizo, o plan concreta as actuación propostas para un novo bombeo e depósito de retención da Seca e un novo bombeo do porto Campelo, que suporán un investimento de máis de 3 millóns de euros.
Na actualidade, o bombeo da Seca recibe as augas residuais dunha gran extensión da rede de saneamento do municipio de Poio, que en tempo de choiva non ten capacidade suficiente para bombear todo o caudal que recibe polo que se producen alivios ao medio.
A proposta a desenvolver no contrato adxudicado consiste na execución dun depósito de retención cunha capacidade útil de 500 metros cúbicos, previo ao bombeo, que permitirá laminar os caudais punta que recibe o bombeo da Seca, reducindo o volume de alivios.
Ademais, proponse a rehabilitación ou renovación do bombeo existente.
No caso do actual bombeo de Campelo, situado nas inmediacións do porto, recibe augas residuais dunha porcentaxe alta da rede de saneamento de Poio e bombéaas ata o do Miradoiro, nas inmediacións da praia de Lourido. O bombeo alivia na rede de pluviais, que á súa vez descarga directamente no porto de Campelo.
Neste caso, a proposta prevista no plan de saneamento local consiste na realización dun novo bombeo cunha capacidade equivalente á actual ou a mellora do existente.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia recibe ofertas de 9 empresas para a redacción do proxecto do novo bombeo de Poio
Por Redacción |
-
A mellora do saneamento na Seca e no porto de Campelo custará máis de tres millóns
Por Redacción |
-
Augas de Galicia licita a redacción do proxecto para mellorar o saneamento na Seca e o porto de Campelo
Por Redacción |